Pestanas principais

A veciñanza de Ames recuperou 84.000 euros no ano 2020 a través das reclamacións tramitadas pola Unión de Consumidores de Galicia

Xoves, 04 de febreiro de 2021

No ano 2020, a Unión de Consumidores de Galicia, UCGAL, recibiu 262 consultas dos veciños e veciñas de Ames, das que 21 derivaron en reclamacións. En total, o importe das cantidades recuperadas, ou evitadas, nas reclamacións que tramitou a Unión de Consumidores de Galicia nas súas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro, ascendeu a máis de 84.000 euros. A UCGAL recomenda neste momento reclamar ás entidades bancarias os gastos derivados da tramitación das hipotecas.

Problemas coas facturas da auga ou da electricidade, viaxes que non respondían ao ofertado e pagado, erros no recibo do teléfono, abusos no cobro de comisións bancarias, eivas en produtos mercados a través do correo electrónico. As 262 consultas que as oficinas da UCGAL en Ames recibiu no ano 2020 abranguen unha ampla variedade de temas.

Emporiso, no ano 2020, case a quinta parte de reclamacións, 51 concretamente, foron sobre viaxes e transportes, algo lóxico se temos en conta os meses de confinamento e os distintos episodios de restricións e mobilidade derivados da situación de pandemia. Cancelacións, modificacións de contrato e bonos foron os aspectos concretos das consultas neste eido.

A UCGAL recomenda reclamar os gastos derivados das Hipotecas
As consultas vinculadas aos servizos bancarios que atenderon os técnico da UCGAl no ano 2020 foron 47. Reclamouse e consultouse polos gastos de formalización de hipotecas, prazos de prescrición, e derivadas de préstamos referenciados ao IRPH e os créditos revolving.

Neste senso, e logo de que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea establecera que si unha cláusula de gasto é declarada nula, a entidade financeira está obrigada a devolver o 50% dos gastos de notario e o 100% de rexistro, taxación e xestoría, o titular do préstamo debe facer sempre a reclamación. A UCGAL tramitou en Ames xa varias reclamacións por estes conceptos. Algunhas xa están resoltas e outras en vías de resolución.

Miguel López Crespo, Secretario Xeral da UCGAL, lembra que este tipo de reclamacións debe facerse sempre en primeira instancia diante da entidade financeira e salienta que, logo da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, aínda se está a tempo de facer este tipo de reclamacións.

Consultas e reclamacións sobre telecomunicacións, sector eléctrico, auga e comercio electrónico
Ás telecomunicacións, con 46 consultas, foron outro dos temas polos que máis reclamou e consultou a veciñanza amesá. As consultas e as reclamacións baseábanse en incumprimentos contractuais, tanto no servizo como nos prezos.

Como consecuencia dos procesos de estimación de consumo levados a cabo pola empresa concesionaria do servizo, a veciñanza amesá fixo 32 consultas sobre os recibos da auga.

As consultas e reclamacións derivadas do sector eléctrico foron 28 e referíronse fundamentalmente a cortes ou deficiencias na subministración e problema derivados da facturación.

Derivadas do cese de actividades de clínicas da cadea DENTIX e o cese na prestación de servizos contratados e en moitos casos xa aboados ben en metálico ou a medio de créditos vinculados, os veciños e veciñas de Ames fixeron 61 consultas e reclamacións.

As oficinas da UCGAl recibiron ademais 11 consultas sobre o comercio electrónica, 19 sobre o procedemento de reclamacións en materia de consumo e outros sectores e outras tantas sobre tráfico, COVID19 e dereito privado.

A UCGAL, que asesora á veciñanza amesá sobre os procedementos máis axeitados para a defensa dos seus intereses

A UCGAL chegou a Ames en setembro do ano 2016 a través dun convenio asinado co Concello polo que o organismo presta asesoramento á veciñanza amesá que o solicita e realiza outras actividades encamiñadas a informar á poboación sobre deberes e dereitos. Charlas informativas sobre a factura da luz ou a reclamación dos gastos derivados da tramitación de hipotecas son algúns exemplos do labor formativo da Asociación de Consumidores en Ames.

“Non hai máis que facer unha valoración das cifras de consultas, das tramitacións realizadas e das devolucións para decatármonos da importancia que ten contar coas oficinas da UCGAL en Ames”, declara a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. “Ademais, ás vantaxes que supón poder tratar calquera problema directamente cun técnico, cómpre destacar as charlas que sobre temas de interese e actualidade ofrecen os seus técnicos ao longo do ano”.

Os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12 ou enviar un correo electrónico a calquera dos seguintes enderezos: info@consumidores.gal ou fcarames@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego. "Consumidores de Ames recuperaron ochenta mil euros mal cobrados"

Horarios de atención da UCGAL en Ames