- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Administración Xeral, vén de poñer en marcha un novo procedemento administrativo para que os veciños e as veciñas individualmente, e/ou as entidades veciñais inscritas no rexistro municipal do Concello de Ames, poidan intervir nas sesións do Pleno municipal. Na web municipal, dento do apartado de Atención Cidadá, Participación, Dereito á participación, están a disposición da veciñanza dous modelos (un para persoas individuais e outro para asociacións) para solicitar a súa participación no Pleno. Tamén existe un banner ao final da web municipal que dá acceso a este apartado.
No pasado pleno ordinario de febreiro a Corporación municipal deu luz verde á aprobación inicial do regulamento orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ames. Posteriormente, pasado o período de exposición pública, dito regulamento foi aprobado de xeito definitivo e saíu publicado no Boletín Oficial da Provincia do 8 de maio de 2019.
Agora, o goberno municipal vén de establecer un novo procedemento administrativo para fomentar a participación dos veciños e as veciñas individualmente, e/ou as entidades veciñais inscritas no rexistro municipal do Concello de Ames, nas sesións do Pleno municipal, regulado no artigo 15 do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá. Existen dous procedementos para intervir no Pleno municipal.
Co obxecto de fomentar o exercicio efectivo deste dereito, por parte do goberno municipal acábase de habilitar un apartado específico na web municipal onde se explica como exercer este dereito de intervención no pleno municipal, así como dous formularios específicos, un para entidades veciñais e outro para particulares a través dos que solicitar dita intervención e que se poden descargar desde a propia web.
Participación das entidades veciñais
O primeiro dos formularios está dirixido ás entidades veciñais, inscritas no rexistro municipal de entidades veciñais, que desexen efectuar unha exposición ante o Pleno en relación a algún punto da orde do día, en cuxa tramitación interviñera como interesada ou nunha materia da cal se poida discrecionalmente estimar que teña interese específico. Deste xeito, as entidades veciñais poderán solicitar dita intervención mediante solicitude por escrito dirixida á alcaldía. A intervención terá que ser autorizada por parte da Alcaldía; realizarase a través dunha única persoa representante e terá unha duración máxima de 5 minutos, antes do debate e votación do asunto.
Participación da veciñanza
Por outra banda, unha vez finalizada a sesión plenaria, o público asistente, previa solicitude por escrito de palabra, poderá realizar rogos e preguntas dirixidas ao goberno sobre asuntos de interese municipal. Estes rogos e preguntas contestaraos o alcalde ou alcaldesa, ou o concelleiro/a a quen lle corresponda. A duración máxima desta quenda de rogos e preguntas será de 20 minutos.
O próximo Pleno celebrarase o xoves 31 ás 20.30 horas. Se algún veciño ou veciña quere participar deberá solicitalo por escrito, con rexistro de entrada, e cunha antelación mínima de 24 horas antes da celebración do Pleno. Para máis información sobre as regras de cada unha das participacións pódese premer nesta ligazón.