Pestanas principais

A veciñanza de Pousada honrou á Virxe de Lourdes cunha alfombra floral

Luns, 28 de agosto de 2017

[28-08-2017] Este domingo, 27 de agosto, o lugar de Pousada, na parroquia de Ames, honrou á Virxe de Lourdes coa realización dunha alfombra floral de sesenta metros de longo. O tapiz, elaborado por membros da Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada co apoio de veciñanza de varias lugares da contorna, foi visitado por numeroso público. Ata a capela de San Xoanciño, que acolleu tamén as actuacións do Coro Parroquial de Ames e da Asociación Cultural Os Castros, achegouse o Concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil.

O festexo deste domingo comezou ás 13:00 horas coa celebración dunha misa solemne oficiada polo párroco Manuel Blanco e acompañada polo Coro de Ames. A actuación dos Castros, patrocinada polo Concello, produciuse posteriormente no adro, diante da alfombra.

O tapiz, que é elaborado anualmente polos membros da Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada co apoio da veciñanza de varios lugares de contorna, contou este ano con 60 metros de lonxitude. Para a súa elaboración, cerca de medio centenar de persoas estiveron a debullar tulla e a esfolar flores ao longo da semana pasada. O venres, o Concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, achegouse ata Pousada para visitar á veciñanza e acompañar os preparativos. 

O Irmán Luís de Oseira foi o encargado da realización do deseño da alfombra, que inclúe, alén do corredor floral de 60 metros de longo, dous modelos: un da Virxe de Lourdes e outro da de Fátima. Para a elaboración do tapiz empregáronse desde flores e tulla, ata pousos de café, trigo e serraduras tinxidas.

Unha tradición recente
Pousada non contou sempre cunha alfombra floral na honra da Virxe de Lourdes, senón que esta se comezou a facer hai, apenas, oito anos. A idea foi de María Xosé Bello, presidenta da Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada, tras unha viaxe a Celanova, onde hai unha forte tradición de alfombras florais en honor á Virxe da Encarnación. Após esta visita, Bello propúxolles as súas veciñas e veciños facer algo semellante para a Virxe de Lourdes.



Contido relacionado


Ames Go: "Unha gran alfombra floral en Pousada"
La Voz de Galicia: "Flores en honor a la Virgen de Pousada"
Lindeiros: " Pousada honrou á Virxe cunha alfombra floral"