Pestanas principais

Veciños e veciñas de Ames “mollaranse” polo Sar na limpeza deste domingo

Venres, 07 de outubro de 2016

[07-10-2016] Este domingo o Concello de Ames participa un ano máis na iniciativa “Móllate polos ríos”, coordinada pola Asociación de Ecoloxistas de Galicia (ADEGA). Este proxecto consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia, cunha xornada o sábado 2 e outra o 9 deste mes. O Concello convida á veciñanza amesá a achegarse o domingo até a Praza do Concello ás 10:30 horas para, posteriormente, axudar a retirar residuos dun tramo do río Sar.

O Concello de Ames fai este domingo un chamamento aos veciños e veciñas pedíndolles que se impliquen na iniciativa “Móllate polos ríos”, coordinada por ADEGA. Dúas xornadas na que Concellos ou asociacións, de forma simultánea, reúnen a veciños e veciñas para percorrer, as beiras fluviais dos seus municipios retirando os residuos. Ames escolleu participar da segunda, programada para o día 9 de outubro.

O tramo escollido para efectuar esta tarefa corresponde ao do Sar, no seu paso pola Condomiña. Durante a mañá do domingo as persoas que se animen participar percorrerán a partir da ponte as beiras do río buscando distintos tipos de lixo e residuos. Estes serán clasificados e depositados en bolsas para a súa posterior reciclaxe. O punto de encontro escollido previo comezo da actividade é a Praza do Concello, á que haberá que acudir ás 10:30 horas.

A convocatoria a esta actividade é aberta, e as persoas interesadas poden solicitar máis información a través do correo da Aula da Natureza, auladanatureza@concellodeames.gal ou chamando ao 660004665. Dende o Departamento de Medio Ambiente amesán recoméndase acudir con calzado impermeable e resistente, e roupas apropiadas para a tarefa. Os nenos e nenas deben traballar sempre ao carón dunha persoa adulta responsable. Deberase ter especial coidado naquelas zonas nas que a corrente circule con maior forza, evitando darlle as costas ao río. Prégase ademais ás persoas participantes separar o lixo sempre que sexa posible, para facilitar a súa posterior reciclaxe.

Con-tacto natural” este sábado no parque do Ameneiral
Esta fin de semana a Aula da Natureza organiza tamén a actividade Con-tacto natural, para familias con fillas e fillos de 0 a 2 anos. Nela pequenos e pequenas poranse en contacto coa natureza a través dos sentidos do olfacto, o oído e o tacto.