Pestanas principais

Verto, Triska e Sondarúa actuarán o venres 18 de xuño no festival SolporSon de Ames 2021

Xoves, 10 de xuño de 2021

O venres 18 de xuño realizarase, no campo da festa de Biduído, o SolporSon de Ames. Dende as 21.30 horas actuarán os grupos SonDaRúa, Verto e o grupo local de Ames Triska, que ensaian na Factoría. Trátase dunha iniciativa posta en marcha dende a Concellaría de Mocidade. Poderás reservar o teu convite a partir das 14.00h do día 10 de xuño (entradas limitadas por aforo reducido) en woutick.es

Tras a cancelación do festival en 2020 por mor da pandemia, este ano retómase  o SolporSon de Ames 2021 que terá lugar o día 18 de xuño no campo da festa de Biduído, nas inmediacións da Factoría, local onde ensaia un dos grupos amesáns que forman parte do cartel do festival. O recinto estará pechado e o evento cumprirá todas as medidas de prevención da COVID.

O público poderá gozar dende as 21:00 horas das diferentes actuacións musicais sentado en cadeiras. Poderás reservar o teu convite a partir das 14.00h do día 10 de xuño (entradas limitadas por aforo reducido) en woutick.es

As "portas" abriranse ás 20.30h. As persoas que adquiriran o seu convite e non se presenten ao concerto antes das 21.30h perderán o dereito de entrada, e poderán adquirila no momento as persoas que ata alí se acheguen.

Triska será o primeiro grupo que veremos enriba do escenario, 3 mozos de Ames que ensaian o seu rock no local da Factoria, con influencias da música dos 70 e 90, crean o seu estilo propio mesturando rock, funky e incluso heavy.
SonDaRúa é un grupo de rap galego formado en Ponteareas en 2016, unha das bandas con maior proxeción do panorama galego dos últimos anos a través de hip hop reivindicativo, de crítica social e política.

Pecha o cartel Verto, un grupo independente de música pop, disco e trap galego que comezou en 2019. Está composto por Alberto Mira "Berto" e Fernando Peleteiro "Fer". Considerados un dos grupos máis influentes na creación de música pop en galego.

A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, explicou que “na procura de novas iniciativas para a mocidade naceu o SolporSon de Ames no 2019; un festival, organizado dende o departamento de mocidade, que xurde das xuntanzas que se mantiveron cos mozos e mozas no marco da Comisión de orzamentos participativos". Comenta tamén a concelleira que "Despois destes meses que nos preceden, hoxe é un día especial no que lle damos continuidade ó SolporSon, neste caso organizado con tódalas medidas sanitarias que a situación sanitaria nos impón, pero coa mesma ilusión que na primeira edición. Segue a resultarnos moi gratificante que un grupo local forme parte da lista dos grupos que actuarán no SolporSon. Agora só queda que a nosa mocidade goce da tarde-noite de música do vindeiro 19 de Xuño en Biduído".

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Verto, Triska e Sondarúa no SolporSon de Ames"

Revista AmesGo: "Verto, Triska e Sondarúa no festival SolporSon 2021 o venres 18"

SolporSon de Ames 2021

Multimedia

  • SolporSon de Ames 2021
  • SolporSon de Ames 2021
  • SolporSon de Ames 2021