Pestanas principais

A VI Xornada Gastronómica Francesa e de Cociñas do Mundo enche o IES do Milladoiro de creatividade culinaria

Martes, 30 de abril de 2019

O instituto do Milladoiro desenvolveu ao longo desta mañá a sexta edición da súa Xornada Gastronómica Francesa e de Cociñas do Mundo, na que participou gran parte do alumnado do centro coa preparación e degustación de diferentes pratos. A iniciativa dividiuse nas categorías pratos elaborados polo alumnado, pratos elaborados polo alumnado procedente doutros países e pratos elaborados polo profesorado. A primeira delas pertencente ao apartado cociña francesa ou francófona, mentres que as dúas últimas estiveron encadradas na sección cociñas do mundo. Os premios consistiron en cheques por valor de 10 a 15 euros canxeables por libros ou material escolar.

O departamento de Francés do IES do Milladoiro organizou esta mañá, 30 de abril, a VI Xornada Gastronómica Francesa e de Cociñas do Mundo. Nela, ao igual que en anteriores edicións, participou un importante número de alumnos/as do centro coa realización de receitas facilitadas polas profesoras do departamento de Francés ou procuradas na internet. Así, as primeiras horas da mañá foron destinadas a que os membros do xurado probasen e decidisen os gañadores de cada categoría, mentres que entre as 12.30 e as 12.50h todo o alumnado puido degustar no corredor do centro as distintas receitas presentadas.

A iniciativa baseouse nun concurso de cociña con tres categorías diferentes. A categoría A englobou os pratos franceses elaborados polo alumnado, con dous premios de 15 e 10 euros, respectivamente, para pratos doces e un primeiro premio de 15 euros para un prato salgado. A categoría B incluíu as comidas típicas doutras latitudes elaboradas polo alumnado, na que se premiou un único prato, doce ou salgado, con 10 euros. A última das categorías valorou as receitas feitas polo profesorado do centro, tanto francófonas como galegas ou doutras partes do mundo. Se ben nas categorías A e B o xurado estivo integrado por persoal non decente e profesorado do centro, o tribunal encargado de valorar a categoría C estivo formado por membros do alumnado.

Así, na categoría reservada ás receitas de cociña francesa as gañadoras foron Nerea, Lorena, Eva e Ari de 1ºESO B e C, que obtiveron o 1º premio de prato doce coa realización de Macarons. As alumnas Laura e Nerea, de 3ºESO D, obtiveron o segundo premio cun Île flotante. A receita Cordon Bleu, realizada polas alumnas de 3º ESO A Valentina e Annabelle, obtivo o primeiro premio de prato salgado nesta categoría. Pola súa banda, na categoría de cociñas do mundo, sobresaíu a sobremesa Cheesecake con forma de tomates elaborada polo estudante de 2º de Bacharelato A Uxío López. Margarita Porto, profesora de tecnoloxía do centro, acadou o premio destinado ao profesorado coa receita Croque Monsier. Os premios ao alumando poderán ser canxeados por libros ou material escolar.

Ligazóns

A VI Xornada Gastronómica Francesa e de Cociñas do Mundo enche o IES do Milladoiro de creatividade culinaria

Multimedia

  • A VI Xornada Gastronómica Francesa e de Cociñas do Mundo enche o IES do Milladoiro de creatividade culinaria
  • A VI Xornada Gastronómica Francesa e de Cociñas do Mundo enche o IES do Milladoiro de creatividade culinaria
  • A VI Xornada Gastronómica Francesa e de Cociñas do Mundo enche o IES do Milladoiro de creatividade culinaria