Pestanas principais

Vida e ciencia en galego con Ángel Carracedo, este 11 de novembro no programa Apego de Ames

Mércores, 03 de novembro de 2021

O Servizo de Normalización Lingüística de Ames abre as inscricións para o encontro “Galego, vida e ciencia”, co catedrático e divulgador científico combés Ángel Carracedo. A actividade, de balde e con prazas limitadas, terá lugar o próximo xoves 11 de novembro ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os prazos para anotarse están abertos dende hoxe 3 de novembro ata o día 10, enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando nome e apelidos das persoas asistentes, así como un número de teléfono de contacto.

Co gallo da celebración do Mes da Ciencia en Galego, o programa Apego de Ames organiza esta actividade con Carracedo, que ademais de ser Catedrático en Medicina Legal, experto en Xenética e divulgador científico, é veciño do concello, da parroquia de Bugallido. No ano 2018, o científico recibiu a Medalla do Concello de Ames durante os actos de celebración do Día de Galicia.

Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955) conta cunha ampla traxectoria profesional, docente e investigadora no ámbito da Medicina, en especial na especialidade da Xénetica. Na actualidade é profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular na facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, que acompaña con actividade investigadora e divulgadora. Ademais dos seus méritos profesionais, Carracedo é coñecido polo seu compromiso coa lingua galega, que emprega na docencia, na medicina, nos seus grupos de investigación e durante os seus actos divulgativos.

O programa Apego, actividades formación e recursos para familias

O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ángel Carracedo y su labor de divulgación científica entre un público profano"

Compostela 24 Horas: "Vida e ciencia en galego con Ángel Carracedo, este 11 de novembro no programa Apego de Ames"

AMSGO!: "Ángel Carracedo leva a ciencia en galego ao programa Apego"

Vida e ciencia en galego con Ángel Carracedo, este 11 de novembro no programa Apego de Ames

Multimedia

  • Vida e ciencia en galego con Ángel Carracedo, este 11 de novembro no programa Apego de Ames