Pestanas principais

Vídeos protagonizados polo actor Pepo Suevos e pola cantante Fátima Pego promocionan as tarxetas Merc@ames

Xoves, 04 de marzo de 2021

Un encontro casual, unha conversa entre veciños e unha tarde compras. Nestes contextos, o actor Pepo Suevos e a cantante Fátima Pego falan coloquialmente sobre as tarxetas-bono da campaña Merc@ames, ofrecendo información sobre os prezos, o xeito de conseguilas, como utilizalas e as vantaxes que supón para a veciñanza e o comercio local esta iniciativa da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames. Os vídeos están sendo difundidos a través das redes sociais.

Non é a primeira vez que o actor e guionista, Pepo Suevos, e a cantante da orquestra Panorama, Fátima Pego, traballan xuntos en Ames. En agosto do ano 2020, subironse ao palco na praza da Madalena do Milladoiro para presentar “Fase Festa”, un espectáculo que contaba como as verbenas se adaptaban a formatos pequenos nestes tempos de pandemia. Nesta ocasión póñenlle cara e contido ás tarxetas Merc@ames que desde o pasado luns están a venda en Bertamiráns e no Milladoiro.

Graváronse dous vídeos en tono de humor, un na Casa da Cultura de Bertamiráns que informa sobre o que son e como mercar as tarxetas, e outro nun establecemento no que se amosa como se utilizan. De ámbolos 2 vídeos fixéronse 2 versións, unha curta para o Istagram e outra longa para o Facebook.

“Vimolos traballar xuntos a Fátima e a Pepo en “Fase Festa”, un espectáculo que trouxemos a Ames a través do programa dinamización da economía e a cultura de Ames AmesON, e pensamos que podían reencarnar á perfección o veciño de Ames e a veciña da bisbarra que poden mercar as tarxetas merc@ames”, manifesta a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. Paz engade que decidiron facer este vídeo no que Fátima e Pepo falan coloquialmente das tarxetas porque “cremos que é un xeito claro de dar a entender o que son, o que significan e o procedemento para obter as tarxetas merc@mes”.

Só nos dous primeiros días desde que se puxeron a venda, vendéronse 869 tarxetas. O volume de negocio para estas ventas é de 66.000 euros.

O volume de negocio total será de 200.000€ para os 170 establecementos adheridos, o que vai supoñer unha media de 1175 € por establecemento adherido, unha vez que se vendan todas as tarxetas.

Características das tarxetas bono Reactiva Ames
A tarxeta-bono Reactiva Ames é unha tarxeta prepago a través da cal o Concello de Ames pon ao dispor das persoas beneficiarias unha axuda do 40% do valor da mesma. As tarxetas funcionan como unha tarxeta visa prepago, con banda magnética, sen chip nin PIN (anónimas).

O Concello de Ames cofinancia dous tipos de tarxeta-bono Reactiva Ames:
• 2.000 tarxetas Reactiva Ames por valor de 50 euros. Do valor total da tarxeta o Concello de Ames achega 20 euros e a persoa beneficiaria achega 30 euros. 
• 1.000 tarxetas Reactiva Ames de 100 euros. Do valor total da tarxeta o Concello de Ames achega 40 euros e a persoa beneficiaria achega 60 euros.
Podese mercar unha tarxeta bono de cada tipo. As tarxetas poderán utilizarse en futuras promocións que se poñan en marcha desde o Concello de Ames.

Lugares de venda
As tarxetas bono están á venda na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 11:00 a 13:30 horas, e de 17:00 a 19:30 horas. No Milladoiro poderanse adquirir polas mañás, entre as 11:00 e as 13:30 no local da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, na rúa Palmeira, número 19. Polas tardes venderanse na rúa Viorneira, número 1, no local da Asociación Palmira Boulevard, entre as 17:00 e as 19:30 horas. Tamén se poderán mercar estes bonos nas carpas informativas que o Concello ten previsto instalar os días 5 de marzo, na rúa Travesa do Milladoiro, e o día 6, na praza da Maía de Bertamiráns.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Pepe Suevos e Fátima Pego promocionan os bonos do Merc@ames"

Imaxe do vídeo de promoción das tarxetas-bono Merc@mes

Multimedia

  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for