Pestanas principais

A VII Gala do Deporte de Ames recoñecerá o esforzo e o traballo dos mellores deportistas e clubs deportivos

Xoves, 29 de novembro de 2012

[29-11-2012] O próximo sábado, 1 de decembro, ás 20:00 horas, terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro a VII Gala do Deporte organizada polo Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes. Neste acto premiase aos deportistas e clubs deportivos que destacaron ao longo deste ano. O fútbol sala, o triatlón, o atletismo, o tenis e o fútbol serán os deportes protagonistas na gala que presentarán os xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera. Este ano o premio de recoñecemento especial recae en Francisco Miguel Buela Cruces, presidente do Club de atletismo MillaRaio, mentres que o premio especial é para o Café Bar Don Budi pola colaboración que mantén con varias entidades deportivas do Concello. Esta é xa a sétima edición dunha gala que cada ano premia o esforzo e a superación persoal no deporte amiense.

Os xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera serán os mestres de cerimonia nesta edición da Gala do Deporte e irán anunciando os galardóns das oito categorías. O acto contará coa presenza do triatleta Javier Gómez Noya, que entregará un dos premios. O fútbol sala, o triatlón, o atletismo, o tenis e o fútbol serán os deportes protagonistas debido ao éxito e esforzo dos deportistas e clubs amienses. Establécense oito categorías; mellor deportista masculino, mellor deportista feminina, mellor deportista pertencente a un club de Ames, mellor promesa masculina e feminina, mellor club, recoñecemento especial a unha persoa relacionada intimamente ao fomento do deporte do concello, e premio especial. Como todos os anos, a gala será organizada pola Concellaría de Deportes e terá lugar este sábado 1 de decembro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

Este ano o premio ao mellor deportista masculino recaeu en David Pazos, xogador profesional do Santiago Futsal. Dende a temporada 2011-2012, David Pazos forma parte da primeira plantilla do Santiago Futsal, o mellor equipo galego de fútbol sala xa que conta no seu palmares cunha Copa de España, unha Supercopa e cinco Copas da Xunta de Galicia. Esta é a segunda temporada na que David Pazos está na primeira plantilla do Santiago Futsal.

No apartado feminino, o premio a mellor deportista feminina é para Laura Mosquera, que pertence ao Club triatlón Arcade Inforhouse. Laura Mosquera é profesora de educación física no IES Poeta Añón e xefa de servizo de coordinación deportiva da Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Esta triatleta forma parte do equipo elite feminino do Club triatlón Arcade Inforhouse. Durante esta temporada conseguiron o sexto posto no campionato de España de duatlón contra reloxo, o quinto posto na Liga nacional de triatlón, o quinto posto na Copa do Rei de triatlón, o sétimo posto no campionato de España de triatlón elite, o quinto posto no campionato de España de triatlón sprint, e outro quinto posto no campionato de España de Aquatlón. Ademais, este ano Laura Mosquera gañou a XIII carreira pedestre popular Concello de Ames e a XII Milla Urbana do Concello de Ames. Durante a temporada 2011 adxudicouse as carreiras pedestres populares dos Concellos de Boiro e Vedra. 

O premio de mellor deportista pertencente a un club de Ames recaeu no atleta Jorge Crespo Arias, que pertence ao Club Atletismo Sar Apoutada. Este deportista, de pai amiense e nai valenciana, naceu en Alemaña no ano 1979. Jorge Crespo é o actual campión galego de maratón e tamén gañou este ano a XIII carreira pedestre popular Concello de Ames.

Mellores promesas masculina e deportiva
Este ano a mellor promesa masculina é Pedro Ecénarro del Rio, tenista do Club SD Aldea Nova. Este deportista de tan só 17 anos conta con varios campionatos a nivel galego. No ano 2007 xa foi campión galego alevín de dobres. En 2009 adxudicouse o campionato do Máster galego infantil. En 2010 e 2011 foi campión galego cadete individual. A temporada pasada tamén conseguiu ser campión do Máster galego cadete. Durante esta temporada logrou o campionato galego júnior individual. Na clasificación nacional absoluta figura no posto número 116, mentres que na clasificación galega absoluta é sétimo. Ademais, leva tres anos dispoñendo dunha bolsa deportiva no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

Por outra banda, a mellor promesa feminina é Nuria Rábano Blanco, xogadora do equipo infantil do Milladoiro SD que milita en primeira autonómica. Esta rapaza de 13 anos leva xogando ao fútbol dende os 6 anos nos distintos equipos do Milladoiro SD. Co equipo benxamín gañaron a Liga e Copa de Santiago, mentres que a temporada pasada co equipo infantil quedaron no segundo posto nestas competicións. Na Compostela Cup foi elixida mellor xogadora do torneo en dúas edicións, tendo en conta a todos os nenos e nenas que disputaban este torneo na súa categoría. Ademais, Nuria Rábano foi campioa de Galicia coa Selección de Santiago de Compostela cando era benxamín de segundo ano. Por último, hai que salientar que Nuria foi seleccionada pola selección galega feminina de fútbol sub-16 con tan só 12 anos.

Este ano o premio de mellor club é para o Club de atletismo MillaRaio, mentres que o premio de recoñecemento especial recae en Francisco Miguel Buela Cruces, presidente do Club de atletismo MillaRaio, polo seu traballo en prol do deporte e en especial do atletismo dentro do Concello de Ames. Por último, o premio especial é para o Café Bar Don Budi, pola colaboración que mantén con varias entidades deportivas do Concello.

Como en anteriores ocasións, espérase unha ampla afluencia de público para arroupar no seu día aos galardoados pola súa aposta pola práctica e fomento do deporte levando o nome do Concello de Ames alí onde compiten.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A VII Gala do Deporte de Ames recoñecerá o esforzo e o traballo dos mellores deportistas e clubs deportivos"