- Tematica
O Concello de Ames presentou esta mañá as vinte e unha propostas do programa infantil con Apego da primeira metade de 2022, que inclúen música, teatro, obradoiros e actividades ao aire libre. A primeira parada do itinerario é este mesmo sábado 5 de febreiro, con “Consertasso na horta”, un espectáculo participativo de Brais das Hortas que promete risas, emocións e alegría mesturando xéneros musicais. Terá lugar ás 18:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns, e as familias interesadas en asistir poden inscribirse xa ata o 3 de febreiro, enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.
A programación infantil de Ames volve neste comezo de 2022 con vinte e unha propostas para a cativada amesá, nas que a lingua, a cultura e o medio serán as protagonistas. Música, teatro, obradoiros, xogos, excursións e actividades ao aire libre, cunha oferta variada na que colaboran os departamentos de Normalización Lingüística, Cultura, Bibliotecas e da Aula da Natureza, e que ofrece actividades para o público infantil e familiar.
Esta mañá tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, a presentación do programa, á que acudiron representantes dos departamentos colaboradores. Asistiron ao acto Natividade González, concelleira de Cultura; Manuel Lens, concelleiro de Medio Ambiente, e Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística.
Na presentación, Pampín destacou a pluralidade de ofertas, tanto nas idades recomendadas como nas Concellarías colaboradoras. “Sendo un dos concellos máis novos, cunha poboación menor de 14 anos tan ampla, esta programación é esperada por moitas familias. Non só contaremos coas actividades do Apego, que se centra dende os 0 aos 6 anos, senón que sumamos propostas para toda a rapazada. Ademais, contamos coas actividades que promoven as compañeiras e compañeiros de Cultura e de Medio Ambiente”. Ademais, animou a participar a todas as familias amesás. “Agardamos que a pandemia nos dea un pouco de tregua e que os aforos nos deixen dar cabida á maior xente posible. Que a cativada o goce moito, que socialicen e que desfruten do tempo de lecer e da nosa lingua”.
Actividades para as crianzas dende febreiro ata xuño
A primeira actividade do ano terá lugar este sábado 5 de febreiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 18:00 horas, e irá dirixida ao público infantil e familiar. “Consertasso na horta”, de Brais das Hortas, é un espectáculo musical cheo de humor, que combina xéneros de todo tipo (trap, punk, reggae, ska...) con produtos da horta, como froitas e verduras. As inscricións, de balde, poden realizarse ata o xoves 3 de febreiro, enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal.
O propio mes de febreiro traerá consigo tres propostas máis. O xoves 10 de febreiro representarase “Ás para Álex”, de Baobab Teatro, a primeira obra da programación infantil de artes escénicas de Ames deste semestre de 2022, para a que xa se poden adquirir entradas na Billeteira electrónica municipal. O venres 18 volve a música con “Fíos do querer”, un espectáculo musical de Cé Orquesta Pantasma para nenas e nenos de 0 a 4 anos, mentres que o venres 25 será a quenda de Mamá Monete e do seu obradoiro sensorial “O cesto dos tesouros”, pensado para bebés dos 6 aos 18 meses.
O programa proseguirá en marzo con catro actividades. A primeira será “Somos xogo?”, un obradoiro de xogos de mesa de Xandobela para crianzas a partir dos 4 anos, que terá lugar o venres 4. Na seguinte semana, o venres 11, a proposta será “Brincadeiras da lingua”, un espectáculo musical de Migallas Teatro, con contos, xogos e monicreques para nenos e nenas dos 0 aos 6 anos. Para rematar o mes, representaranse dúas obras do programa infantil de teatro de Ames, coas entradas xa dispoñibles na Billeteira: “Asdomare”, de Rilo & Penadique, o xoves 17, e “Aibō”, da Compañía Eléctrica, o xoves 24.
Xa no ecuador da programación, no mes de abril desenvolveranse tres espectáculos. O venres 1 representase a última obra do itinerario infantil de artes escénicas, “Hugo”, da compañía Os Náufragos Teatro, para a que se poden adquirir pases na Billeteira. Despois do parón de Semana Santa, volven os contos e a música, con Iseo A Moura e “Amor, que corte!”, o venres 22, e o “Concerto Punk Onfantil” o xoves 28, con Peter Punk e Brais das Hortas.
No mes de maio o aire libre será o protagonista. O sábado 7 realizarase unha viaxe a Carballolandia, na Ribeira Sacra, na que as familias poderán gozar da natureza e da contorna fluvial. O sábado 14 os bebés de 0 a 2 anos terán un novo obradoiro sensorial no parque do Ameneiral, “Con-tacto natural”. E o venres 20 volverá a Foliada con Apego, que promete unha tarde de música e de baile con Pablo Díaz e Olga Kirk.
Para rematar o semestre, xuño ofrecerá tres propostas. O Baúl da Tía Lola presentará “Lixo” o venres 3, que descubrirá ás crianzas a partir dos 2 anos xogos e mundos nos que se crea cultura a partir da varredura. O venres 10 retorna a Ruta do Apego, mentres que o sábado 18 de xuño se celebrará a terceira edición da Festa do Apego, que contará cunha programación propia.
Actividades de animación á lectura
Do mesmo xeito, neste semestre volven tamén as actividades de animación á lectura, en forma de contos para a rapazada amesá de entre 3 e 8 anos, e que se desenvolverán nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns ata o mes de maio. As primeiras sesións de contos terán lugar a partir da semana que vén, os días 8, 9 e 10 no Milladoiro e os 22, 23 e 24 en Bertamiráns, sempre ás 17:30 horas.
O período de inscricións para estas primeiras sesións abre, no caso de querer asistir á actividade no Milladoiro, dende mañá martes 1 ata o sábado 5. Para Bertamiráns, a inscrición estará aberta do 14 ao 19 de febreiro. Para reservar praza, cómpre poñerse en contacto co enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal, ou ben solicitar a inscrición a través dos teléfonos de cada centro: para a biblioteca do Milladoiro, o 981 53 08 07, mentres que para a de Bertamiráns, o 981 88 48 29.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Tres concejalías se unen para ofrecer medio año de cultura a los más peques"