- Tematica
O Concello de Ames, co fin de dar a coñecer á veciñanza o gran tesouro patrimonial que son os petróglifos da Peneda Negra e de Monte Castelo, organizou unha visita nocturna en forma de ruta circular, para a cal se esgotaron as prazas en en poucos días. A Asociación cultural Colectivo a Rula foi a encargada de guiar a observación dos diferentes motivos gravados. Da man desta asociación os participantes puideron apreciar as covas, círculos concéntricos, a combinación dos mesmos en grandes figuras antropomórficas, “as mouras”, e tamén motivos naturistas como os cervos da Peneda Negra.
Javier Antelo, concelleiro de Xestión do Medio Natural comentou que “o éxito deste tipo de actividades pon en valor o patrimonio que temos no concello de Ames” e adiantou que en setembro a veciñanza poderá volver a desfrutar destes dous tesouros que tanta importancia teñen a nivel galego. Por outra banda tamén destacou a boa acollida de outras actividades como son as Rutas Teatralizadas que se están a levar a cabo dende a concellería, que non pretenden outra cousa máis que dar a coñecer e aprender a valorar o patrimonio natural do concello de Ames.
Tanto o petróglifo da Peneda Negra como o de Monte Castelo foron descubertos a comezos de século XX por Óscar Lojo-Batalla Sampedro, ex-alcalde amesán durante a II República e que tivo unha estreita relación co patrimonio galego. En 1909 Oscar Lojo conduciu ata estas rochas ao acibecheiro santiagués Enrique Mayer e o debuxante Enrique Campo Sobrino, pertencente á sociedade pontevedresa, quen elaborou debuxos sobre os paneis para a súa exhibición na importante Exposición rexional celebrada en Compostela nese mesmo ano.
A Peneda Negra
A roca na que se sitúan os gravados ten un 80 m. de lonxitude e 20 de ancho. Na súa parte superior, máis plana e horizontal, é onde se localizan a maior parte dos gravados. Pola contra a zona inferior presenta unha forte pendente e aquí as figuras son minoritarias. A gran maioría das representacións pertencen ao chamado grupo xeométrico e son en esencia cazoletas, círculos simples, círculos con cazoletas no interior e combinacións circulares. Pódense apreciar tamén varias figuras complexas formadas pola combinación de círculos concéntricos similares ás que aparecen noutros gravados da zona como o petróglifo de Monte Castelo. Este tipo de figuras son interpretadas por algúns autores como representacións antropomorfas esquemáticas, quizais unha divindade feminina ou algún tipo de ídolo. No mesmo petróglifo, pero moi erosionadas, tamén se poden ver gravadas 2 figuras de animais. A mellor conservada aparece no lado norte e representa un cervo macho de gran cornamenta.
Monte Castelo
Mentres que o recordo da Peneda Negra mantívose, o petróglifo de Monte Castelo non foi redescuberto ata 2015, cando membros do colectivo A Rula, procurando un acceso alternativo á Peneda Negra, encontraron de novo a rocha e recuperaron parte da súa memoria. Os gravados localízanse nunha roca situada no ladeira norte do castro de Ventosa. Trátase dun afloramento redondeado, pero que apenas sobresae do terreo e que conta cunha ampla superficie lisa, onde aparecen a maior parte das insculturas. Toda a pedra preséntase practicamente cuberta de deseños, o que lle dá ao conxunto unha gran plasticidade, sendo unha das representacións de motivos xeométricos máis importantes de todo o territorio. As figuras gravadas consisten en 4 composicións complexas unidas entre si. Todas elas presentan características similares, pois son combinacións de aneis concéntricos (entre tres e seis) enlazados por un dos lados a outros motivos máis pequenos de forma circular, cadrada ou rectangular con ángulos redondeados. Nos catro casos o círculo central aparece recheo dunha boa cantidade de cazoletas.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El éxito de la visita nocturna a los petroglifos de Ames lleva al Concello a reeditarla en septiembre"
Lindeiros: ""