Pestanas principais

As vodas civís no Concello de Ames aumentan na tempada de verán

Sábado, 13 de agosto de 2011

[13-08-2011] En época estival o número de vodas civís que se realizan no Concello de Ames aumentan dunha forma considerable. Ata este intre, houbo un total de 22 unións no que vai de ano, e 16 producíronse desde o mes de maio. Ademais hai 13 solicitudes máis para contraer unión este ano e 10 delas serán antes de finais de setembro. Ames rexistrou ao longo do ano pasado un total de 40 vodas, superando a media de 35 rexistradas en 2008 e 2009 e parece ser a tónica a seguir no presente ano. O alcalde de Ames, Santiago Amor, oficiou o seu primeiro casamento este venres no despacho de Alcaldía.


O 2010 deixou corenta novos casamentos polo civil en Ames e no presente ano parece que esa cifra vai estar moi próxima, debido ao número de xente moza que reside no Concello, situándose a idade media entre os 36 e os 37 anos.

As vodas celébranse principalmente na Casa do Concello e no Pazo da Peregrina

Os meses de verán parece que seguen a ser os máis propicios para celebrar as vodas, coas mellores temperaturas e mellor tempo. O escenario máis escollido segue a ser o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, un escenario que destaca pola súa beleza. O edificio, que é propiedade do Concello, é un conxunto arquitectónico encadrado nun gran espazo axardinado que goza dun encanto innegable que non pasa desapercibido para moitas das parellas que deciden casar.

E para que todo sexa perfecto, a Brigada de Obras do Concello é a encargada de acicalar o pazo e os xardíns antes de que estes reciban aos namorados. Este conxunto arquitectónico forma parte do patrimonio cultural de Ames e é un dos máis visitados polos amienses e polos visitantes debido á gran beleza que posúe. Con todo, os noivos tamén teñen a opción de casar na Casa Consistorial, como fixo unha parella que casou hoxe o rexedor amiense, Santiago Amor, e que prefiriu celebrar a cerimonia no despacho do alcalde.

As vodas civís en Ames son oficiadas por algún membro da corporación ou por un xuíz dun xulgado de paz. Desde a chegada da nova corporación, foron os concelleiros de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernando Moar Míguez, e o de Deporte, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro Santiago os encargados de oficiar as unións. Ademais dos concelleiros, moitas veces é o propio alcalde, Santiago Amor, quen oficia a unión. Moitas parellas solicitan expresamente que sexa o alcalde quen as case. Deste xeito, Santiago Amor, oficiou este venres a súa primeira voda civil no despacho de Alcaldía.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Crece el número de bodas civiles durante el verano"
La Voz de Galicia: "Todo va mejor si te casas con Amor"