[22-01-2019] A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información xuvenil (OMIX), organiza unha nova edición do programa de reforzo educativo nos institutos do concello de Ames. Esta iniciativa, que está dirixida ao alumnado de 1º e 2º de ESO, desenvolverase os mércores no IES do Milladoiro e os xoves no IES de Ames, en horario de 16:30 a 18:30 horas. Durante dúas horas á semana impártense clases de reforzo nas áreas de ciencias e letras. Os alumnos/as que estean interesados en participar neste programa aínda están a tempo de apuntarse. Premendo á dereita desta nova, baixo o apartado de descargas, pódese obter o formulario de inscrición para participar nas clases de reforzo.
A actividade de reforzo educativo xa deu comezo no IES do Milladoiro, mentres que no IES de Bertamiráns comezará proximamente. Sen embargo, as inscricións aínda están abertas para ambos institutos. En total impartiranse cada semana catro horas de formación, a cargo de dous docentes, divididas por cursos (1º e 2º da ESO) e por áreas formativas. Os alumnos e alumnas poderán escoller entre asistir ás aulas de competencias básicas na área de letras ou ás de ciencias. Os horarios de cada competencia son alternos segundo os alumnos e alumnas sexan do primeiro ou do segundo ano, de 16:30 a 17:30 ou de 17:30 a 18:30 horas. A cada hora de reforzo educativo poden asistir ata 12 alumnos ou alumnas.
Esta actividade destínase a dous dos cursos do primeiro ciclo da ESO, xa que o seu alumnado soe ser un dos colectivos con maior demanda de formación. Dende a Concellería de Mocidade inciden na importancia de acompañar aos e ás estudantes no paso da educación primaria á secundaria. Así mesmo destacan o fundamental de establecer, ao longo desta etapa de adaptación, uns hábitos de traballo, un seguimento e un ritmo diario nos estudos, buscando ademais prever comportamentos relacionados co fracaso ou o abandono escolar.
As clases estrutúranse seguindo o método de "aprender facendo", evitando que sexan unha extensión das clases regulares. Con elas quérese fomentar a comprensión das ideas adquiridas nos centros de secundaria a través da práctica dos contidos traballados nas aulas. As actividades de reforzo foron ideadas para completar lagoas de coñecemento, repasar contidos concretos traballados en clase ou, naqueles casos nos que os alumnos ou alumnas o requiran, facilitar a recuperación de destrezas instrumentais básicas que dificultan ou mesmo imposibilitan ao alumnado atender o desenvolvemento ordinario das clases nos institutos.
O alumnado interesado en solicitar algunha das prazas vacantes en calquera dos dous IES debe cubrir as follas de inscrición, dispoñibles na web municipal, e entregalas na secretaría do centro educativo. Para obter máis información sobre dito programa pódeste poñer en contacto coa Oficina Municipal de Información Xuvenil, que está situada na Casa do Concello, en Bertamiráns, os luns, mércores ou xoves, e na Casa da Cultura de Milladoiro, os martes ou venres. Tamén se pode chamar ao número de teléfono 616 083 229 ou enviar un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.gal
Contido relacionado
Compostela 24 horas: "Volve aos institutos do Milladoiro e Bertamiráns o programa de reforzo educativo"
La Voz de Galicia: "El alumnado amiense tendrá clases de refuerzo de secundaria"
El Correo Gallego: "Nova edición do programa de reforzo nos institutos"