Pestanas principais

Volve a carreira “Moitos camiños, mesma meta”, unha proba de reivindicación feminista

Venres, 17 de febreiro de 2023

O parque verde central do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación da terceira edición da carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”. O percorrido busca mostrar dun xeito lúdico e familiar as trabas ás que as mulleres se enfrontan a diario. A cita, organizada pola Concellaría de Igualdade e da Promoción da Saúde, terá lugar o sábado 11 de marzo, ás 11:30 horas, no propio parque central do Milladoiro (parque das piscinas). As inscricións, de balde, poderán realizarse ata o venres 10 ás 14:00 horas, acudindo de xeito presencial ás oficinas dos Servizos Sociais do Concello, ou ben en liña, a través da plataforma Deporticket, premendo nesta ligazón. A actividade forma parte dos actos do 8M en Ames. O programa de actos do 8M ao completo presentarase o 1 de marzo.

A carreira “Moitos camiños, mesma meta” será unha cita non competitiva e lúdica, onde as persoas participantes percorrerán uns 1.500 metros e enfrontaranse a 12 obstáculos. O obxectivo é “reivindicar, a través das diferentes trabas que se poñen nesta proba, todos os atrancos aos que as mulleres nos vemos sometidas no noso día a día”, apuntou a concelleira de Igualdade, Luisa Feijóo, durante a presentación do evento, que tivo lugar esta mañá no parque verde central do Milladoiro, que se atopa na contorna da Casa da Cultura e da área deportiva do Milladoiro.

Ademais da propia concelleira, ao acto acudiron Víctor Valderrama, da empresa organizadora NOKO, e Pilar Candocia, da Plataforma Feminista de Ames. Tamén asistiron as concelleiras do Goberno local Beatriz Martínez, Natividade González, Escarlata Pampín e Genma Otero; a voceira do PP de Ames, Oliva Agra; e persoal municipal do Centro de Información á Muller (CIM) e do departamento de Promoción de Saúde, Soraya Añón e Rosana Martínez.

A concelleira de Igualdade e da Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, sinalou que “estamos moi contentas de presentar esta terceira edición da que xa é unha cita nas nosas axendas dentro da programación do 8 de marzo, a carreira-andaina ‘Moitos camiños, mesma meta’”. Explicou, ademais, que “cada ano son máis as inscricións e o público familiar que se achega a desfrutar dun anaco lúdico e a interesarse por saber que é a conciliación, a corresponsabilidade... e dáse lugar a ese debate familiar que, moitas veces, esquecemos ou non sabemos como abordar”.

Así mesmo, aproveitou para agradecer a colaboración “das compañeiras da Corporación, porque unha vez máis demostramos a unidade de acción que temos ante temas tan importantes como son a igualdade e todo o relativo á muller, tanto visibilizando as diferentes accións como participando nas actividades que se propoñen”.

Os doce atrancos dos que se compón a proba pódense completar de maneira individual ou con axuda calquera persoa. “Os obstáculos serán dunha dificultade asumible, pero, ao mesmo tempo, representarán un reto que haxa que superar, para darlle sentido a todo este evento. Cada un deles estará identificado cas diferentes trabas que nos atopabamos na vida diaria”, explicou Víctor Valderrama, que acudiu en representación da empresa organizadora NOKO.

No evento estará tamén a Plataforma Feminista de Ames, que preparará unha actividade para os e as participantes da carreira, aínda por definir. Así o explicou Pilar Candocia, que gabou a colaboración entre institucións e movementos sociais. “Dende a Plataforma Feminista, un ano máis, apoiamos esta actividade, que forma parte xa dos actos que se fan todos os anos. Entendemos que é moi importante que haxa cohesión entre o movemento feminista e a concellaría, e por iso imos estar na carreira. Ademais, o propio 8 de marzo participaremos coma sempre nos actos que se realicen”.

Horarios e inscricións
A carreira celebrarase o vindeiro sábado 11 de marzo, ás 11:30 horas, no parque verde central do Milladoiro. Trátase dun evento non competitivo, familiar e lúdico, no que pode participar calquera persoa a partir dos 5 anos. Todos os corredores recibirán un agasallo.

A inscrición, de balde, pode realizarse en liña, premendo nesta ligazón, ou ben de forma presencial, achegándose ás oficinas dos Servizos Sociais do Concello no Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10) ou en Bertamiráns (praza de Chavián, s/n). O prazo para sumarse á proba remata o venres 10 de marzo ás 14:00 horas.

Volve a carreira “Moitos camiños, mesma meta”, unha proba de reivindicación feminista

Multimedia

  • Volve a carreira “Moitos camiños, mesma meta”, unha proba de reivindicación feminista
  • Volve a carreira “Moitos camiños, mesma meta”, unha proba de reivindicación feminista
  • Volve a carreira “Moitos camiños, mesma meta”, unha proba de reivindicación feminista