Pestanas principais

Volve o Certame Artístico-Literario Intercentros do Concello de Ames

Sábado, 16 de abril de 2011

[16-04-2011] Un ano máis ponse en marcha o Certame Artístico-literario Intercentros do Concello de Ames, que acada así a súa terceira edición. Neste concurso poden participar todos os alumnos e alumnas do segundo e mais o terceiro ciclo de educación primaria do Concello de Ames. Poderán elaborar creacións literarias tanto no eido da poesía como no da narrativa. Nesta edición, a temática xirará arredor da importancia da lingua na configuración da identidade de grupo. O prazo para a presentación dos traballos remata o vindeiro día 9 de maio. Os premios entregaranse o 17 de maio de 2011, Día da Letras Galegas, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

O III Certame Artístico-literario Intercentros do Concello de Ames ofrece un ano máis aos cativos amienses a oportunidade de desenvolver e amosar as súas capacidades de creación literaria. Os nenos e nenas do segundo e terceiro ciclos de primaria dos centros do concello poderán elaborar un texto en prosa ou en verso acompañado dun debuxo propio e entregalo ao seu titor ou titora. A primeira fase de selección levarase a cabo nos propios centros.

Desde os propios centros de ensino enviaranse con posterioridade, antes do 9 de maio de 2011, os orixinais e dúas copias dos traballos seleccionados ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Nesta segunda fase, un xurado formado por tres membros designados polo Concello de Ames escollerá os traballos premiados. A decisión do xurado farase pública e comunicaráselles aos centros o luns, 12 de maio de 2011. Os premios entregaranse o 17 de maio nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

Nesta edición do Certame, a temática xirará arredor da importancia da lingua na configuración da nosa identidade grupal como galegos e galegas. O alumnado participante terá que desenvolver en verso ou en prosa a seguinte idea: o personaxe protagonista da historia realiza unha viaxe e pérdese. Daquela, a clave ou o segredo para reencontrar os seus está na lingua. Valorarase tanto o texto coma a ilustración que o acompañe. Poderanse presentar textos en prosa ou en verso acompañados dunha ilustración. En prosa, a extensión máxima será de 500 palabras. En poesía, a extensión máxima será de 50 versos. Entregarase o texto orixinal escrito á man, acompañado de dúas copias.

O Certame ten establecidas dúas categorías e tres premios por cada categoría. Na 1ª Categoría, compiten nenos e nenas matriculados en 3º e 4º de primaria. Na segunda, nenos e nenas matriculados en 5º e 6º de primaria. O primeiro premio de ambas categorías é de 100 euros, de 80 o segundo e 50 o terceiro. Ás persoas premiadas entregaráselles un vale polo importe indicado para cada premio que poderán intercambiar por libros ou material didáctico nas librarías do Concello de Ames.

VIII Certame Literario

O III Certame Artístico-literario Intercentros do Concello de Ames celébrase un ano máis coincidindo no tempo coa convocatoria do Certame Literario Concello de Ames, que acada xa a súa oitava edición. Trátase dun concurso de narrativa e poesía que xa está consolidado en todo o país e que, co paso dos anos, se foi convertendo en referente para os novos creadores e creadoras. Como nas edicións anteriores, poderá participar no concurso calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega. O prazo para entregar os traballos rematou o día 14 de abril. Os gañadores coñeceranse o 13 de maio de 2011 e os premios entregaranse o 17 de maio de 2011, Día da Letras Galegas, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

Ao igual que en anos anteriores, son tres as categorías existentes en cada modalidade do certame. Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces de 14 a 18 anos e a terceira ás persoas de máis de 18 anos. Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 120 euros, 90 euros e 60 euros na primeira categoría, 150 euros, 120 euros e 90 euros na segunda e 210 euros, 150 euros e 120 euros na terceira.