Pestanas principais

Volve o programa Trouleando con dúas tardes multiaventura para este mes de xullo

Martes, 07 de xullo de 2020

A Concellaría de Mocidade volve a poñer en marcha o programa Trouleando, unha iniciativa que comezou no pasado mes de xaneiro e que houbo que suspender temporalmente no mes de marzo, debido ao estado de alarma declarado pola crise sanitaria da Covid-19. Deste xeito, reanúdase dito programa con dúas tardes multiaventura, que se desenvolverán os xoves 23 e 30 de xullo. Nestas xornadas multiaventura faranse actividades de paintball, tirolina, rocódromo, ruta en kaiak, paseo en lancha e manta raia. Para participar é necesario inscribirse previamente. O prazo de inscrición estará aberto do 8 ao 15 de xullo e as prazas son limitadas.

Para este mes de xullo, dentro do programa Trouleando, proponse unha actividade que conxuga diversión, deporte e aventura denominada Tardes multiaventura! Nestas xornadas multiaventura faranse actividades de paintball, tirolina, rocódromo, ruta en kaiak, paseo en lancha e manta raia.

A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, explica que “tras catro meses nos que non se puido desenvolver o programa Trouleando, volvemos a poñelo en marcha con dúas tardes multiaventura. Trátase de actividades para gozar dos deportes de aventura. Ademais, é un bo complemento para saír da rutina da semana e desfrutar dunha xornada de xogos e actividades para divertirse”.

As actividades terán lugar os xoves 23 e 30 de xullo, con saída en autobús dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 15.00 horas, e dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 15.15 horas. O regreso efectuarase nas mesmas paradas, chegando ao Milladoiro arredor das 21.30 horas e a Bertamiráns ás 21.45 horas aproximadamente. Os participantes menores deben ser recollidos na parada polos pais/nais/titores/titoras ou representantes legais.

Para inscribirse débese estar empadroado/a no Concello de Ames e ter de 12 anos cumpridos en adiante. Se queres participar cubre a ficha de inscrición e envía a omix@concellodeames.gal. O prazo para entregar a ficha de inscrición vai do 8  ao 15 de xullo e as prazas son limitadas ata un máximo de 30 para cada tarde multiaventura. Será preciso contar cun mínimo de 15 mozos/as para desenvolver a actividade, en caso contrario, o Concello de Ames poderá anular a actividade.

Para resolver calquera dúbida contacta coa OMIX, a través do número de teléfono 616 083 229 ou envíando un correo electrónico a omix@concellodeames.gal.

Programa Trouleando
O programa Trouleando (Findes para a mocidade) ofrece una alternativa de ocio participativo e igualitario para a mocidade de todas as idades e para todos os gustos e intereses. Dentro do programa teñen cabida actividades de deporte aventura, saídas, diferentes encontros, actividades audiovisuais, danza urbana... e moitas outras actividades.

Para ir coñecendo a programación de dito programa poderanse consultar as redes sociais da OMIX (Instagram e Facebook). Na páxina web municipal tamén se irá dando conta das actividades que se realizarán a última quincena de cada mes. A maioría das actividades son de balde. Haberá algunhas nas que haberá que inscribirse previamente, pero anunciarase con suficiente antelación para que os/as interesados/as poidas apuntarse. A maior parte das actividades estarán dirixidas a mozos e mozas de 14 anos en diante.

Cartaz Trouleando

Multimedia

  • Trouleando no verán