Pestanas principais

Volve o tradicional Encontro de Nadal das agrupacións corais de Ames, tras un ano de ausencia

Mércores, 15 de decembro de 2021

A Concellaría de Cultura recupera, tras un ano de ausencia por mor da pandemia, o Encontro de Nadal de agrupacións corais, no que participarán os coros de Nosa Señora do Corpiño de Oca, o Lojo Batalla de Tapia, o Parroquial de Piñeiro e Ames, a Polifónica Antonio Santomil de Bugallido e o Son Elas. O concerto terá lugar o sábado 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Os convites, de balde, xa están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Ames.

O concerto será unha das últimas actividades da programación da Concellaría de Cultura para este ano 2021. As agrupacións corais que asisten ao evento interpretarán tres temas cada unha, agás o coro Son Elas, que cantará catro. En total, entre os cinco grupos corais traerán unhas 80 persoas, entre vocalistas e equipos de dirección.

A Coral Polifónica de Bugallido foi fundada no ano 1971, sendo o seu promotor e primeiro director Antonio Santomil, o que daquela era cura párroco. O grupo coral estivo activa ata o ano 1981 no que, debido ao falecemento prematuro do seu fundador, quedou inactivo. A finais de 1991, un grupo de antigos compoñentes recuperan a actividade, creando a Asociación Cultural “Antonio Santomil”, na cal está encadrada a coral polifónica. Dende entón esta agrupación participa, xunto con outras corais, en certames e festivais ao longo de toda a xeografía galega. Dirixidos por Xosé Ramón Santomil, 28 membros e membras da coral interpretarán os temas “Mariñeiro”, de Roxelio Groba; “En la más fría noche”, de J.E. Spilman, e “O neno durmía”, de Antonio I. Paz Valverde.

En representación da comarca de Tapia asistirá o grupo coral Lojo Batalla, que naceu dunha iniciativa veciñal e que é na actualidade un dos coros máis recoñecidos do concello. O seu repertorio inclúe xéneros como a canción popular, temas tradicionais e música relixiosa, tanto en galego como en castelán. O nome da agrupación fai referencia a Óscar Lojo-Batalla Sampedro, alcalde de Ames durante o período republicano, entre 1931 e 1936. Foi o fundador de varias escolas, costeando do seu propio peto a construción da escola de Tapia. De igual maneira, tamén foi o responsable da creación dunha feira de gando e produtos do campo en Barouta. Unhas 20 persoas do grupo coral cantarán as composicións “Foliada Marmuradora”, “Gloria in excelsis Deo” e “Feliz Navidad”.

O coro Son Elas está formado na súa totalidade por mulleres, con integrantes dos doce aos setenta e cinco anos. O nome "Son Elas" xurdiu da dobre condición de mulleres e apaixonadas da música, con certo ton reivindicativo do papel da muller na sociedade. A dirección e os arranxos corren a cargo de Pilar Martínez, que adapta temas de diferentes estilos, variados e contemporáneos, a maioría adaptados á lingua galega. O repertorio que interpretará arredor dunha ducia de coristas inclúe “Verde mar de navegar”, “Be my baby”, “Lela” e “Amovolovolo”.

Tamén participará o coro de Nuestra Señora del Corpiño de Oca, que dende os seus comezos a inicios de século XXI se dedica a poñer música ás liturxias que se celebran na súa capela. Está composto por mulleres de dita aldea e ten actuado en festivais benéficos. Dirixidas por Miguel Ángel Sánchez del Río, as oito coristas que asisten ao encontro interpretarán "Vinde galeguiños", unha adaptación de Fuxan os Ventos; “Xan”, de Rosalía de Castro, e “Rosiña”, unha canción popular traducida por José Sierra.

Por último, tamén acoden ao encontro as agrupacións corais das parroquias de Piñeiro e Ames, que comparten escenario unha vez máis. Ambos grupos teñen orixes similares, ao seren creados no 2002 pola mesma mestra, Anxos Renieblas, e co mesmo obxectivo de amenizar as celebracións eucarísticas nas súas respectivas parroquias. Forman un grupo dinámico, con representación de distintas idades e caracterizado polo acompañamento de guitarras e percusión, o cal os diferencia das corais máis tradicionais. Doce compoñentes do grupo cantarán os temas “Alédate”, “Nunca soas as campás” e “Soña este Nadal”.

Novas relacionadas

Lindeiros: "O encontro de corais volve ao Nadal de Ames"

Volve o tradicional Encontro de Nadal das agrupacións corais de Ames, tras un ano de ausencia

Multimedia

  • Volve o tradicional Encontro de Nadal das agrupacións corais de Ames, tras un ano de ausencia