Pestanas principais

Volve a programación cultural dende este venres 26 de febreiro

Luns, 22 de febreiro de 2021

A Concellería de Cultura informa da programación de actividades de artes escénicas que se van retomar tras a actualización das restricións anunciadas pola Xunta de Galicia. Xa se poden adquirir as entradas a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. A programación volve arrancar este venres, 26 de febreiro, co contacontos infantil "Rosalía pequeniña", un espectáculo de música e contos, dirixido por Uxía, que se realizará en dúas sesións:  ás 17.00 e as 18.00 horas no Milladoiro. Todos os eventos se realizarán seguindo as normas hixiénico-sanitarias vixentes publicadas no DOG. Por este motivo, actualmente o aforo máximo permitido en cada función é do 30%. En canto ás funcións que estaban previstas para a última semana de xaneiro as tres primeiras de febreiro e non se puideron realizar, por mor da situación sanitaria, programáronse para novas datas.

O Concello de Ames retoma a actividade cultural coa representacións de obras de teatro, tanto dirixida a público adulto como a un público infantil. Deste xeito, xa están dispoñibles na Billeteira electrónica as entradas das actividades que se van a desenvolver as vindeiras semanas. Preme nesta ligazón para descargar a programación cultural do primeiro semestre de 2021.

A primeira obra que se representará será Rosalía pequeniña, un contacontos infantil de música e contos, dirixido por Uxía, que se porá en escena este venres, 26 de febreiro, en dúas sesións: ás 17.00 e ás 18.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Deste xeito, trátase de compensar a redución do afora que actualmente está nun 30% para os espectáculos culturais. Uxía presenta a súa poesía nun concerto especialmente dirixido ao público infantil e familiar, baseado no libro-disco Rosalía pequeniña, editado por Galaxia.

Todos os eventos se realizarán seguindo as normas hixiénico-sanitarias vixentes publicadas no DOG. Por este motivo, actualmente o aforo máximo permitido en cada función é do 30%. En canto ás funcións que estaban previstas para a última semana de xaneiro as tres primeiras de febreiro e non se puideron realizar, por mor da situación sanitaria, programáronse para novas datas.

Programación infantil
As actividades culturais continuarán en marzo con Baobab Teatro que representará, o día 5, a obra Mai Mai no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Este espectáculo, para maiores de cinco anos, conta a historia do último Oso Panda do planeta e a súa loita por sobrevivir, a falta de comida e os problemas ocasionados polo quentamento global fan difícil a supervivencia desta especie. Unha muller emprendedora e moi revolucionaria e un famoso fotógrafo comezan unha viaxe por separado para atopar o último Panda do planeta, toda unha aventura na que se atoparán unha chea de problemas que solventar. Unha historia tenra e moi divertida onde se mestura o amor, a codicia, o éxito e a concienciación medioambiental.

O 12 de marzo estará no Milladoiro o espectáculo Almanaque musical, da compañía Percubebés. Esta obra de música folk tradicional, e dirixida a nenos e nenas de cero a tres anos, mostra aos pequenos e pequenas o ciclo do ano con graciosas cantigas acompañadas por Pelán. Pelán ensinará o día que é, e todo o que abrangue o almanaque e a súa relación coa lúa, as mareas, o agro, as festas. A arpa de Bea e a voz de Marcelo do Bode completan o elenco facéndonos cantar e bailar sen deixar de aprender.

A obra de teatro Don Gaiferos, de Os Monicreques de Kukas, estará no Milladoiro o día 26 de marzo ás 18.00 horas. Os actores, actrices, monicreques e músicos, a modo de opereta e partindo do romance popularizado por Don Faustino, irán incorporando cancións e músicas do folclore galego. Contarase un dos milagres atribuídos ao Apóstolo Santiago que narra a viaxe do peregrino francés Gaiferos de Monmarltan ata a súa morte aos pes do santo na Catedral compostelá.

Para rematar a programación infantil, Caramuxo Teatro subirase ao escenario de Bertamiráns coa obra Catro o 16 de abril, ás 17.00 e ás 18.00 horas. Trátase dun espectáculo visual de danza contemporánea, dirixido a nenos e nenas de seis meses a tres anos de idade, no que se xoga coa vida, coas formas, os sons e as texturas. Pretende descubrir a través da danza como linguaxe e canle de coñecemento.

Voa,voa, unha comedia orientada a nenos e nenas de 4 a 9 anos, estaba prevista para o pasado 5 de febreiro pero, debido á situación sanitaria e ás restricións aplicadas,non se puido levar a cabo. Non obstante, o espectáculo da compañía Talía Teatro, ten nova data para subir ao escenario. Será o venres 7 de maio.

Programación para o público adulto
En marzo a programación dirixida a adultos e adultas comeza o día 5 coa obra Sofía e a Postsocráticas, da compañía Inversa Teatro. Este espectáculo, que se representará no Milladoiro, versa sobre a violencia machista, afondando nas causas da estrutura do maltrato. A partires de tres personaxes en escena: Sócrates, Platón e Aristóteles (interpretados por mulleres) trataremos de buscar un novo logos, é dicir, un novo patrón interpretativo da realidade no que poidamos facer o cálculo do que é ou o que non é violencia machista.

Os días 26 e 27 de marzo, a compañía Contraproducións estará en Bertamiráns coa obra Mocos. Trátase dunha comedia unipersonal inspirada nunha imaxe da pandemia: uns nenos no recreo, illados en cadanseu cadrado no patio dunha escola. Que memoria gardarán diso cando crezan? É como un moco que se espalla nace un fío de divertidas historias escolares vividas e lembradas polos adultos de hoxe e que, desde o humor e a emoción, xogan cos medos e esperanzas que herdamos e deixamos en herdanza.

No mes de abril as obras que non se puideron realizar en febreiro vanse representar en novas datas. É o caso de A Lingua das Bolboretas, de Sarabela Teatro. O venres 9 de abril o espectador será testemuña do proceso de aprendizaxe que emprende o protagonista da man do mestre da escola (unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento da realidade e o respecto cara o próximo) e é testemuña tamén da traxedia que supuxo vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.

A obra O Montacargas tamén ten nova data. Este espectáculo representarase o 23 de abril en Bertamiráns. Neste caso, a compañía Ainé Producións narra a situación de dous homes (Ben e Gus) que están pechados nun cuarto, unha estancia miserablemente amoblada. As personaxes discuten sobre noticias de prensa e equipos de fútbol. Mentres avanzan no diálogo, Pinter dános a entender que se trata de dous asasinos a soldo á espera de misteriosas ordes que unha organización ha de transmitirlles.

O espectáculo de danza Pink Unicorns representarase o venres 30 no Milladoiro. A compañía La Macana presenta este auténtico desafío que fará gozar das marabillas da relación pai e fillo, da pericia de cada un.

Para pechar a programación cultural do primeiro semestre, Rebordelos representará Liberto, unha obra que se poderá desfrutar o 7 de maio en Bertamiráns. Conta en primeira persoa a historia de Ada, unha nai que ten a afrontar que o seu fillo recen nacido ten una parálise cerebral severa. Dende a forza que se atopa nos fiordos da vida, a peza amosa as artistas da maternidade e o lado máis mamífero desta, axudándonos a comprender que a propia morte é parte da vida. Liberto é un relato honesto de como xestionar a dor e seguir avanzando, un proceso primitivo, pegado ao noso animal e, por iso, dá unha peza teatral chea de vitalidade.

Entradas e tarifas
A entrada xeral ten un prezo de 4 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2 euros. As entradas para asistir a ditos espectáculos tamén se poden adquirir nas Casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo (de haber entradas dispoñibles). Preme nesta ligazón para dispor de información sobre os A-Bonos e a venda de entradas.

Coa finalidade de facilitar a asistencia aos espectáculos e potenciar a participación establécese un prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos e mozas co carné xove e a persoas demandantes de emprego (no control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames retoma su actividad cultural con ‘Rosalía pequeniña’ este viernes"

cartel programacion cultural febreiro 2021

Multimedia

  • Rosalia pequenina