- Tematica
O Salón de Plenos da Casa do Concello de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación das xornadas “Volta ao cole co comercio”, unha iniciativa que se desenvolverá por terceiro ano consecutivo e que ten como obxectivo dinamizar o comercio e a hostalaría local nos días previos ao comezo do curso lectivo. As concellarías de Promoción Económica e Emprego, Mocidade e Benestar Social, en colaboración coa Xuntanza de Empresarios de Ames, ofrecerán dúas propostas de tardes lúdicas e sorteos que se desenvolverán o 4 de setembro no Milladoiro e o día 6 en Bertamiráns. Haberá iniciativas para nenos e nenas a partir dos 3 anos. Ademais, sortearanse vales de compra no comercio local valorados en 1.500 euros. Como novidade, este ano a celebración conta co patrocinio da empresa Evoa Redes SL.
A zona verde da travesía do Porto, no Milladoiro, e o parque do Ameneiral, en Bertamiráns, van acoller durante a primeira semana de setembro dúas tardes de actividades para amenizar os preparativos da volta aos centros de ensino, fomentando á vez o comercio e a hostalaría dos dous principais núcleos de Ames. Trátanse das xornadas “Volta ao cole co comercio”, que organiza por terceira vez a Concellaría de Promoción Económica coa colaboración con XEA. Nesta ocasión, o evento conta coa participación dos departamentos de Mocidade e Benestar Social, así como co patrocinio da empresa de telecomunicacións Evoa Redes SL.
O día 4 de setembro, no Milladoiro, e o 6, en Bertamiráns, desenvolveranse entre as 17:00 e as 20:00 horas as distintas actividades, dirixidas a nenos e nenas a partir dos 3 anos (que deberán ir acompañados/as dun adulto). Haberá inchables, xogos do mundo para toda a familia e, para a mocidade, unha Holi Party, a festa de polvos de cores a partir das 19:30 horas. Ademais, a empresa Evoa Redes SL contará cun stand propio en ambas datas para achegar o seu traballo á veciñanza de Ames.
Todas estas propostas lúdicas estarán acompañadas do sorteo de vales de compra para diversas librerías e papelerías e vales do Concello, así como vales de compra cortesía da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). O sorteo terá lugar ao remate das actividades, a partir das 20:00 horas.
Nesta iniciativa colaboran tanto comercios de Bertamiráns (librería Mainomen, librería Leria, Eva Hogar, papelería Chavián, papelería Carlín, xoguetería Recunchos Didácticos, Dipe Regalos e librería Bandini) como do Milladoiro (librería Nenos Nais, material de oficina Mouse, papelería Boo, papelería Anauco e xoguetería Piedra Papel Tijera).
Presentación das xornadas “Volta ao cole co comercio”
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, foi a encargada de abrir o acto de presentación, sinalando que “queremos seguir dinamizando as nosas rúas, polo que un ano máis, teremos dúas xornadas con actividades para os nenos e nenas”. Así mesmo, destacou que “desde a Concellaría de Promoción Económica cremos que os nenos e nenas axudan moito a promover o comercio e a hostalaría. Coa volta ao cole, son os seus pais os que invirten nos negocios locais, por iso buscamos facilitarlles as compras no comercio con todos os vales que ofrecemos, en colaboración con XEA”. Finalmente, agradeceu ás empresas de Ames a súa colaboración no evento e a Evoa Redes SL polo seu patrocinio.
Nesta mesma liña falou a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, quen ademais de agradecer aos comercios a súa colaboración, amosou a súa satisfacción porque o departamento se adherise un ano máis á iniciativa “Volta ao cole 2024”: “Consideramos moi importante axudar a todas as familias de Ames, posto que a volta ao cole supón un gran desembolso económico. E esta festa é unha oportunidade para tenderlles a man”.
Pola súa banda, Ramón Cordido, presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), dixo que “dende XEA aplaudimos unha vez máis a celebración destes actos pola rúa, que supoñen unha dinamización. Isto axuda a lembrar á veciñanza que todo o que se precisa para comezar o curso está ao pé da casa”.
Na presentación tamén estivo presente Denís Gasamáns, director comercial de Evoa Redes SL, que agradeceu ao Concello de Ames e ás concellerías implicadas que contaran con eles para facilitar a volta ao cole das familias do municipio.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames organiza la «Volta ao cole co comercio», con actividades de ocio y sorteo de compras"
El Correo Gallego: "Ames va a por los 4.000 alumnos y recibirá el curso con una nueva campaña para animar al consumo local"