- Tematica
Dende este martes, 21 de novembro, está aberto o prazo para inscribirse nunha nova actividade de animación á lectura que ofrecen as bibliotecas municipais de Ames para a cativada. Nesta ocasión, trátase dun contacontos pensado para nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, que terá lugar tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, realizándose tres quendas en cada lugar. Para participar é necesario anotarse enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal ou chamando aos números 981 530 807 (para as sesións no Milladoiro) e 981 884 829 (para as quendas en Bertamiráns).
“Unha sopiña de contos” é a nova proposta do departamento de Bibliotecas do Concello de Ames dentro da súa programación do outono. Trátase de seis sesións de contacontos para nenos e nenas de entre 3 e 8 anos que se desenvolverán os días 29 e 30 de novembro e o 1 de decembro na biblioteca do Milladoiro e o 13, 14 e 15 de decembro na de Bertamiráns. Todas as sesións terán lugar ás 17:30 horas.
O prazo de inscrición xa está aberto para as sesións na biblioteca do Milladoiro, dende hoxe, luns 21 de novembro, ata o vindeiro día 26. Para anotarse hai que chamar ao número 981 530 807 ou enviar un correo ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal.
No caso das sesións que terán lugar en Bertamiráns, as inscricións deberán facerse entre o luns 5 e o sábado 10 de decembro, chamando ao 981 884 829 ou enviando un correo a biblioteca@concellodeames.gal.
Obradoiros para a rapazada e encontros literarios para adultos
Ademais das sesións de narrativa oral, as bibliotecas organizan tamén obradoiros para as crianzas de 3º a 6º de primaria, que se veñen celebrando xa dende outubro. Para o último mes do ano está previsto un taller de manualidades de Nadal, que terá lugar o venres 16 de decembro no Milladoiro e o sábado 17 en Bertamiráns.
Por outra banda, o público adulto tamén pode desfrutar de distintas actividades nas bibliotecas municipais, neste caso, dos Encontros Literarios, nos que diversos autores expoñen as súas obras e ofrecen un coloquio co público asistente. O próximo encontro programado é co profesor e historiador Francisco Leira, que presentará o libro “Los nadie de la guerra española”, acompañado polo ilustrador Xabier Ron.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Contacontos para rapaces de 3 a 8 anos nas bibliotecas"
AMS GO!: "As bibliotecas de Ames acollen seis sesións de contacontos no que queda de ano"
La Voz de Galicia: "Cuentacuentos en las bibliotecas municipales de Ames"