Pestanas principais

Xa é posible inscribirse nos campamentos de verán 2018

Xoves, 19 de abril de 2018

[19-04-2018] O Concello de Ames vén de facer público o seu programa de campamentos municipais para este verán, a través do cal se ofertan 445 prazas repartidas entre 10 campamentos diferentes, que se desenvolverán entre o 28 de xuño e o 2 de setembro. O prezo dos mesmos variará entre os 45 e os 230 euros. Para asistir a algún dos campamentos, será preciso entregar a ficha de inscrición no Rexistro municipal, xunto cunha fotocopia da tarxeta sanitaria, outra do DNI (en caso de dispor do mesmo), unha foto tamaño carné e un certificado médico de ser preciso. O prazo para presentar as solicitudes pechará o vindeiro 3 de maio. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un folleto informativo, a ficha de inscrición e as bases dos campamentos.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 3 de maio. Unha vez cuberto o impreso de preinscrición deberá entregarse no Rexistro Xeral da Casa do Concello de Bertamiráns, no rexistro do Pazo da Peregrina ou nas oficinas municipais do Milladoiro (de luns a venres, de 09:00h a 14:00 horas). 

A efectos de información e posibles reclamacións publicarase, do 9 ao 11 de maio, a listaxe provisional de admitidas/os na páxina web municipal e nos taboleiros oficiais do Concello. A listaxe definitiva será publicada o 14 de maio. No caso de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles, realizarase un sorte público o 15 de maio, ás 09:00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello. Os resultados e a lista de agarda publicaríanse o 16 de maio a partir das 14:00 horas.  

En todos os campamentos resérvase un 10% das prazas para casos de emerxencia social. As bases e os impresos de preinscrición pódense atopar tanto na sección de Avisos da páxina web municipal como no apartado de descargas desta nova. De igual maneira, tamén se poden conseguir acudindo de xeito presencial, en horario de 09:00h a 14:00 horas, ás oficinas municipais do Milladoiro ou ao departamento de Medio Ambiente e Mocidade da Casa do Concello. Para ampliar calquera información pódese chamar aos números de teléfono 660 004 665 e 616 083 229 ou enviar un correo electrónico a algún dos seguintes enderezos auladanatureza@concellodeames.gal ou omix@concellodeames.gal.