Pestanas principais

Xa está aberto o prazo de inscrición para a excursión literaria “Viaxando con Rosalía”

Sábado, 10 de febreiro de 2024

O vindeiro sábado 17 de febreiro está programada unha excursión literaria baixo o nome de “Viaxando con Rosalía”. Esta actividade, enmarcada dentro programación municipal “Rosalía Ames 2024” para celebrar o Día de Rosalía, consistirá nunha visita á casa da escritora en Padrón da man da experta rosaliana María López Sández. Conta cun total de 60 prazas, polo que para participar é preciso inscribirse enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal, entre o 8 e o 15 de febreiro. Poñerase a disposición dos asistentes un servizo de autobús, que sairá dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:30 horas e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:45 horas.

O pasado xoves, 8 de febreiro, abriu o prazo de inscrición para a excursión literaria “Viaxando con Rosalía”, que consistirá nunha visita á casa museo de Rosalía de Castro en Padrón con paradas en Ortoño e Bastavales, lugares de Ames vinculados á vida e a obra rosaliana. Durante a viaxe, a profesora e escritora amesá, María López Sández, achegará aos participantes á figura e á traxectoria de Rosalía.

O Concello de Ames conmemora un ano máis o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro cunha programación coa que se busca revitalizar o pensamento e recordar a obra e figura da escritora. Así, entre as diversas actividades programadas figura, un ano máis, esta excursión polas localizacións máis emblemáticas da vida e obra da autora.

A primeira das paradas desta visita será en territorio amesán, na casa situada na Tarroeira, na parroquia de Ortoño, onde Rosalía pasou parte da súa infancia. A saída continuará en Bastavales, na parroquia de Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos máis soados da autora. Para finalizar, a excursión rematará no concello de Padrón, onde se realizará unha visita a Iria Flavia e á Casa-Museo de Rosalía de Castro, coñecida como a Casa da Matanza.

A excursión sairá da Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:30 horas, e fará unha parada no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:45 horas para recoller a todos aqueles que queiran sumarse á actividade. A volta está programada para as 14:30 horas. Así mesmo, haberá que aboar 2€, correspondentes á tarifa de entrada á casa museo.

Inscrición
As persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e o lugar onde collerán o autobús (Milladoiro ou Bertamiráns). A inscrición tamén pode realizarse chamando ao teléfono 662 377 215. O prazo para anotarse está aberto dende o pasado 8 de febreiro, ata o vindeiro 15 de febreiro. Hai un total de 60 prazas dispoñibles, que se asignarán por orde de inscrición.

Xa está aberto o prazo de inscrición par a excursión literaria “Viaxando con Rosalía”

Multimedia

  • Cartaz da programación "Rosalía Ames 2024"