- Tematica
O programa Apego continúa o seu programa de actividades neste mes de maio co espectáculo “A nena e os tres osos”, de Migallas Teatro, que se vai desenvolver na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 31 de maio, ás 18:00 horas. Os/as interesados/as en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 30 de maio, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2024 pode consultarse premendo nesta ligazón.
Hoxe, 23 de maio, abre o prazo de inscrición para a actividade “A nena e os tres osos” da man de Bea Campos, de Migallas Teatro. Dirixido a nenos e nenas a partir de 2 anos, trátase dunha proposta teatral con monicreques e cancións baseada no coñecido conto clásico. Nesta historia, unha maleta pode ser unha casa, un caldeiro... un asento, e unha presada de calcetíns poden ser... unha familia de osos.
Esta actividade terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 31 de maio, ás 18:00 horas. Está dirixido a nenos e nenas a partir de 2 anos. É unha actividade de balde pero é preciso inscribirse canto antes.
As persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe ata o vindeiro 30 de maio. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes, e non se admitirán inscricións fóra do período de inscricións.
V Festa do Apego
O Concello de Ames, a través da Concellería de Normalización Lingüística, organiza a V Festa do Apego, que terá lugar o sábado, 25 de maio, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Haberá maxia, contos con música, xogos, concertos, teatro de monicreques, obradoiros e moitas máis actividades. A entrada será libre e de balde. Premendo nesta ligazón pódese acceder á programación completa do evento.
Ao longo de todo o día haberá actividades que estarán abertas de xeito permanente, en horario de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 20.00 horas, no patio do Pazo da Peregrina. A través delas achegarase asesoramento personalizado ás familias sobre recursos lúdicos e formativos que poden ser útiles durante a crianza. Estas actividades son tamén espazos nos que as nenas e os nenos terán ao seu dispor xogos de mesa, materiais naturais non estruturados para promover a creatividade e o xogo libre, unha ampla variedade de obras infantís para mergullarse na lectura compartida, un obradoiro de creación de personaxes con pasta de papel e outro obradoiro de tatuaxes e chapas con Apego para que todas e todos leven un agasallo da Festa do Apego.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.
As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal