- Tematica
A Aula da Natureza organiza, dentro da programación de Nadal en Ames, un campamento para que os cativos poidan achegarse ao medio natural no inverno. A actividade, dirixida para a rapazada entre 6 e 14 anos, desenvolverase os días 2, 3 e 4 de xaneiro, en horario de mañá e tarde, e ofrecerá diferentes xogos e obradoiros relacionados co Nadal e tamén co medio natural nesta época do ano. As persoas interesadas en inscribir á súa rapazada deberán enviar o impreso de inscrición cuberto, que se pode descargar na seguinte ligazón, ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65.
A programación de Nadal do Concello de Ames conta con varias actividades organizadas pola Aula da Natureza, relacionadas coa temática destas festas. O pasado sábado, desenvolveuse a primeira xornada de “Preparando o Nadal dun Xeito Natural”, no que se realizaron bonecos de madeira. Onte, sábado 14, realizouse o segundo obradoiro desta actividade, no que as persoas participantes crearon cadeas aromáticas. O taller desenvolveuse en horario de 11.00 a 18.00 horas nas instalacións da Aula da Natureza.
Así mesmo, organizarán un campamento de Nadal, dirixo a rapaces e rapazas de 6 a 14 anos. O campamento desenvolverase nas instalacións da Aula da Natureza, na Ameixenda, os días 2, 3 e 4 de xaneiro, en horario de 11.00 a 17:30 horas. Durante esas tres xornadas, os nenos e nenas realizarán diferentes obradoiros ambientais que lles axuden a coñecer o medio natural, xunto con diversos xogos colectivos.
Unha das actividades centrais estará relacionada coas aves e os seus niños, sendo o inverno a mellor estación do ano para poder observar e aprender de preto sobre estas estruturas xa que neste momento están baleiros. Ademais, os cativos percorrerán a contorna onde está situada a Aula da Natureza para aprender e descubrir máis sobre animais salvaxes, como xabarís ou raposos. No último día do campamento, a actividade estará ligada ao día de Reis, pois os nenos e nenas elaborarán unha pequena rosca de reis, compaxinado con outros xogos.
Durante os tres días, haberá un servizo de autobús que sairá ás 10.30 desde a Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10.45 desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. En canto ao horario de regreso, a rapazada estará de volta ás 17.45 en Bertamiráns e ás 18.00 no Milladoiro, nas mesmas localizacións de saída. Os nenos e nenas que participen no campamento teñen que levar a comida da casa. Na Aula prepararanlle un chocolate quente pola tarde.
As familias interesadas en inscribir aos seus fillos/as no campamento, deberán enviar o impreso de inscrición cuberto, que se pode descargar na seguinte ligazón, ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65.