Pestanas principais

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na actividade “Canta, buguina, canta!” do programa Apego

Xoves, 27 de febreiro de 2025

O programa Apego continúa coa súa programación de actividades neste vindeiro mes de marzo, desta volta coa sesión de narración oral “Canta, buguina, canta!” de Marta Ortiz. A actividade terá lugar o vindeiro venres  7 de marzo, ás 18.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 27 de febreiro, ata o 6 de marzo. Para participar, é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O proxecto Apego continúa coas súas propostas de ocio para as crianzas de Ames neste vindeiro mes de marzo coa actividade “Canta, buguina, canta!”, impartido por Marta Ortiz. Nesta ocasión, os nenos e nenas poderán gozar dunha sesión chea de contos, música, teatro e poesía, na que aprenderán a explorar os sentidos, xogar coas palabras e debuxar ideas.

A actividade, de balde e dirixida para familias con crianzas de 0 a 6 anos, ten como obxectivo potenciar a creatividade dos máis pequenos e pequenas, ao mesmo tempo que traballan os sentidos a través de diferentes propostas visuais e sonoras.

Marta Ortiz é unha profesional dentro do mundo da narración oral cun longo percorrido de experiencia ás súas costas. No 2007 fundou, xunto co músico e narrador Brais das Hortas, a compañía “Tropa de Trapo”, coa que comezaron a realizar contos con música en directo, teatro infantil, debates en escena e obradoiros educativos por diferentes recunchos de Galicia. Así mesmo, Marta Ortiz tamén é unha das socias fundadoras de Charlatana Cooperativa Galega de Artistas, unha cooperativa creada no 2017 que axuda á creación, produción e distribución de diversas disciplinas artísticas.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na actividade “Canta, buguina, canta!” do programa Apego

Multimedia

  • Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na actividade “Canta, buguina, canta!” do programa Apego