Pestanas principais

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na actividade “O cuco veu por acá e marchou por alá” do programa Apego

Xoves, 27 de marzo de 2025

O programa do Apego segue a ofrecer unha ampla oferta de actividades para as crianzas amesás ao longo deste vindeiro mes de abril. Desta volta, co espectáculo musical “O cuco veu por acá e marchou por alá” da compañía Percubebés, formada por Marcelo Dobode e Bea Martínez, que se desenvolverá o venres 4 de abril, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns O prazo de inscrición está aberto ata o xoves día 3. Para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Ao longo do vindeiro mes de abril, o proxecto Apego continúa coa súa programación de actividades para as crianzas de Ames. Nesta ocasión, cun obradoiro-espectáculo musical que lles axudará aos máis pequenos a adquirir ferramentas para mellorar a súa execución musical, ao mesmo tempo que aprenden pequenas cantigas propias da nosa cultura. Esta proposta é de balde e está dirixida para familias con crianzas de 0 a 6 anos.

Deste xeito, o proxecto creado por Marcelo Dobode e Bea Martínez pretende axudar a crianzas e adultos a desenvolver e medrar a súa capacidade neuronal, potenciando a psicomotricidade e coordinación a través da música. Ademais, esta proposta axuda a liberar tensións, alimenta a concentración dos máis pequenos e adultos, e desenvolve a capacidade auditiva e creativa, o sentido do tempo e os reflexos, ademais de achegarnos  á nosa cultura musical.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na actividade “O cuco veu por acá e marchou por alá”  do programa Apego

Multimedia

  • Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na actividade “O cuco veu por acá e marchou por alá”  do programa Apego