Pestanas principais

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no obradoiro de debuxo colaborativo incluído no programa Apego

Xoves, 13 de marzo de 2025

No mes de marzo o programa Apego continúa a súa programación de propostas para as crianzas amesás. Desta volta, cun obradoiro de debuxo colaborativo impartido por As Seibas Espazo Educativo, que terá lugar o vindeiro venres 21 de marzo, ás 18.00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 13 de marzo, ata o vindeiro xoves día 20. Para participar, é preciso enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O proxecto Apego continúa coa súa programación de actividades no mes de marzo coa actividade de debuxo colaborativo, impartido por As Seibas Espazo Educativo. Nesta ocasión, os nenos e nenas poderán explorar as técnicas para traballar a súa creatividade a través de debuxos colaborativos, nos que empregar a lingua será tan importante como o uso do pincel, da cor ou do papel.

A actividade, de balde e dirixida para familias con crianzas a partir de 3 anos, realizarase o vindeiro venres 21 de marzo, ás 18.00 horas no Pazo da Peregrina en Bertamiráns. Se se esgotaran as prazas, está prevista unha segunda sesión para as 17:00 horas.

As Seibas é un espazo educativo que desenvolve as súas actividades en Bertamiráns e que ten como obxectivo principal crear un lugar no que as crianzas aprendan e adquiran, desde as primeiras fases da infancia, unha serie de habilidades, valores e ferramentas a través de diversos procesos de aprendizaxe. Ten como piares a flexibilidade, o respecto cara á cultura e á lingua, o pensamento crítico, o rexeitamento dos estereotipos, a anteposición dos procesos fronte o resultado, a procura de procesos creativos que promovan un pensamento diverxente, e o fomento da autonomía.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no obradoiro de debuxo colaborativo incluído no programa Apego

Multimedia

  • Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no obradoiro de debuxo colaborativo incluído no programa Apego