Pestanas principais

Xa está aberto o prazo para inscribirse no curso de viticultura da Oficina de Voluntariado de Ames

Martes, 20 de setembro de 2011

[20-09-2011] Hoxe, 20 de setembro, queda aberto o prazo de inscrición para participar no curso de viticultura “Seminarios de amigos da viticultura”. Este obradoiro formativo, organizado pola Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), consta de arredor de 25 prazas e ten unha moi boa acollida entre os e as amienses polo que as persoas interesadas en participar deben inscribirse o antes posible. O prazo quedará aberto ata o comezo do curso o 17 de outubro. Para facer a reserva da praza é necesario acudir a Oficina de Voluntariado de Ames, na Casa da Cultura do Milladoiro ou de Bertamiráns. Resulta importante destacar que se trata dunha actividade de balde que se atopa na súa novena edición e que goza de gran aceptación por parte dos e das amienses e dun alto nivel formativo, no senso teórico e práctico. Para máis información, chamar ao teléfono 981 883 703.

A Oficina de Voluntariado de Ames ofrécelle aos veciños e veciñas amienses a posibilidade de participar nun curso relacionado coa viticultura. Todos os luns, durante nove meses, os participantes, en horario de 19:00 h. a 21:00 horas, gozarán deste obradoiro teórico-práctico que ten como epicentro o viño. Na Aula de Usos Múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro, Manuel Oitavén e dous dos seus anteriores "alumnos avantaxados", así é como el mesmo os define, impartirán os coñecementos necesarios para que os asistentes poidan perfeccionar as súas explotacións profesionais ou domésticas ou ben iniciarse no sector vinícola.

Neste curso abordaranse cuestións referidas ao mantemento dos cultivos e a saúde dos viñedos, así como, se facilitarán coñecementos vinculados coas diversas castes propias de Galicia, os marcos de plantación máis axeitados para a produción e maduración do viño, as distintas formas de guiar os bacelos e, tamén, información sobre as melloras técnicas de poda que se deben aplicar.

Este obradoiro goza dunha gran acollida por parte, sobre todo, dos veciños e veciñas do rural amiense. O curso de viticultura supón unha maneira formidable de mellorar as súas explotacións vinícolas profesionais e, tamén, domésticas. Así, os seus cultivos poderán perfeccionarse e ter unha maior categoría grazas, sobre todo, a información sobre os métodos para combater as pragas e os consellos sobre as boas prácticas para unha correcta realización da poda.

Se tes un viñedo propio e desexas mellorar a túa produción non podes deixar de participar no Seminiario de amigos da viticultura. Ao pan, pan, e o viño, viño.