- Tematica
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Ames puxo en marcha un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que teñen como obxectivo promover o galego no ámbito empresarial local. O prazo para presentar candidaturas está aberto ata o venres 18 de novembro, e poden participar empresas que aposten polo uso do galego na súa actividade económica e na comunicación, tanto no ámbito interno como no externo. Nesta edición hai novamente dúas categorías: unha para empresas que sexan de recente creación ou que comezaran a empregar a lingua galega fai menos de dous anos, e outra para aquelas que leven comunicando en galego máis de dous anos. O premio está dotado con 3.000 euros, 1.500 para cada unha das categorías, así como cunha campaña publicitaria en Ames Radio, a radio municipal. As bases do certame pódense consultar premendo nesta ligazón.
Os aspectos a valorar para a concesión do galardón son a utilización do galego na comunicación interna e externa, tanto oralmente como por escrito. Teranse en conta a páxina web e as redes sociais da empresa, en caso de telas, e tamén as campañas publicitarias e os materiais promocionais que empregue. Así mesmo, valorarase que se use habitualmente a lingua galega de cara ao público e entre o cadro de persoal.
Como en anteriores edicións, diferéncianse dúas categorías: na primeira englóbanse empresas de recente creación ou que leven usando o galego na súa comunicación menos de dous anos, mentres que a segunda recoñece a todas aquelas que empreguen a lingua de maneira estable e continuada dende fai máis de dous anos. Haberá un premio de 1.500 euros para cada unha das categorías, e os negocios gañadores contarán cunha campaña de difusión na radio municipal, Ames Radio.
Os interesados deben descargar a ficha de inscrición nesta ligazón e enviala debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal xunto cos enlaces webs da empresa correspondente ou os materiais impresos que poidan ser necesarios para a comprobación de méritos. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 18 de novembro ás 14:00 horas.
O Premio Lingua e Empresa naceu no ano 2018, e nas catro convocatorias anteriores do galardón foron premiadas xa dez empresas. Na última das edicións, a do 2021, o xurado elixiu como gañadoras por unanimidade a PixelinPhoto, de Bertamiráns, na categoría de uso consolidado, e a Autonomogal Asesores, do Milladoiro, na categoría de nova incorporación.