Pestanas principais

Xa está aberto o prazo para solicitar as axudas para a promoción do comercio local

Sábado, 12 de abril de 2025

Dende hoxe, sábado 12 de abril, xa está aberto o prazo para solicitar as axudas para a promoción do comercio local. A convocatoria de ditas axudas saíu publicada no BOP da xornada de onte, venres 11 de abril, co cal o prazo para presentar as solicitudes é dun mes dende o día seguinte de dita publicación, polo que estará aberto ata o 11 de maio. O importe desta convocatoria de subvención é de 40.000 euros: 33.000 euros para a promoción comercial e 7.000 euros para infraestruturas e equipamentos. As solicitudes hai que presentalas a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou do Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC).

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, vén de sacar unha nova convocatoria de axudas para a promoción do comercio local. Os obxectivos que se perseguen con esta liña de axudas son aproximar ao comercio amesán o maior número posible de clientes, empregando os colectivos como instrumento para acadar esta finalidade e, ademais, mellorar a calidade da actividade comercial do concello.

Outros dos obxectivos é fomentar a existencia dunha actividade estable de promoción e mellora do comercio dentro do ámbito territorial do concello, programada e desenvolvida polas entidades asociativas do sector, e na que a administración municipal represente un papel secundario, tanto na elección do tipo de actividades a realizar, como na súa posta en práctica e no seu financiamento.

Para a consecución destes obxectivos estratéxicos, establécense as seguintes liñas de actuación, ou obxectivos secundarios: primar actividades abertas á participación do comercio en xeral, e non só aos membros de cada un dos solicitantes; e acadar o autofinanciamento das entidades, primando a aquelas que acheguen unha maior porcentaxe de fondos propios ao desenvolvemento das súas actividades.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “esta liña de axudas ten como obxectivo axudar e impulsa ao comercio local, destinando unha subvención directa aos colectivos de comerciantes e profesionais particulares do concello. Deste xeito, poderán ter máis recursos e facilidades para continuar impulsando a actividade económica de Ames, reforzando así o tecido empresarial xunto coa oportunidade de crear emprego para a veciñanza amesá”.

Axudas para a promoción comercial,  infraestruturas e equipamentos
Esta liña de subvencións destínanse ás accións e proxectos que teñen como finalidade a promoción comercial: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos e aquelas actividades que busquen fomentar a venda de produtos comercializados por empresas que desempeñen a súa actividade comercial no concello de Ames, así como tamén os gastos de contratación de persoal dirixidos a promover accións de promoción económica dentro do ámbito dos seus asociados.

Por outro lado, a segunda liña de actuación vai dirixida a sufragar os gastos de infraestruturas e equipamento das asociacións (mellora das instalacións, adquisición de material mobiliario ou material funxible, mobiliario, páxina web, etcétera). Así mesmo, inclúense tamén os gastos de funcionamento da asociación (alugueiro de locais e xestoría).

Nesta liña, non serán subvencionables os gastos de mantemento ordinario (teléfono, luz e auga ou limpeza), a adquisición de bens inmobles, as actividades que teñan como único ou principal obxectivo a celebración de comidas entre os membros da asociación e as viaxes que non acrediten unha finalidade de promoción comercial.

En total, concederanse axudas por valor de 40.000 euros, dos cales 33.000 se destinarán á promoción comercial, e outros 7.000, á mellora de infraestruturas e equipamento. Esta convocatoria de subvencións está recollida no Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames, 2023 - 2025, aprobado polo pleno do 23 de febreiro de 2024 e sendo a súa cuarta modificación aprobada no pleno do 16 de setembro de 2024.

Criterios de valoracións das axudas
Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos: número de socios activos da entidade, orzamento total do grupo de actividade, promoción da lingua galega, adhesión ao Sistema de Arbitraxe de Consumo de Galicia e a realización de actividades por unha soa asociación en máis dun núcleo poboacional (tanto en Bertamiráns como no Milladoiro).

O prazo para presentar as solicitudes é dun mes desde o 12 de abril, polo que estará aberto ata o vindeiro 11 de maio. A convocatoria de ditas axudas saíu publicada no BOP de onte, venres, 11 de abril, co cal o prazo para presentar as solicitudes é dun mes dende o día seguinte de dita publicación. As solicitudes hai que presentalas a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou do Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC).

Xa está aberto o prazo para solicitar as axudas para a promoción do comercio local