Pestanas principais

Xa están dispoñibles na Billeteira electrónica os bonos culturais da programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2024

Venres, 22 de decembro de 2023

Desde este xoves, 21 de decembro, xa están á venda os bonos culturais da programación municipal de artes escénicas para o primeiro semestre de 2024. Cun custo de 25 euros, este bonos supoñen un desconto do 50% do importe total das entradas das dez funcións programadas para adultos. A Concellería de Cultura pon a disposición da veciñanza 40 bonos, que poderán adquirirse ata o 7 de xaneiro de 2024, ou ata fin de existencias, na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Dende a Concellaría de Cultura anímase á veciñanza a que regale cultura a través de ditos bonos.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca que “no primeiro semestre de 2024 poderase desfrutar cunha programación de artes escénicas de moita calidade. Aquelas persoas que queiran asistir aos dez espectáculos programados para público adulto teñen a oportunidade de mercar os bonos culturais nos que se aplica un desconto do 50% do importe total das entradas das dez función”. Ademais, anima á veciñanza “a regalar cultura polo Nadal, a través dos bonos culturais, xa que son un agasallo orixinal para esas datas”.  

Como se obteñen?
O proceso de adquisición dos bonos culturais é sinxelo e realízase en poucos minutos a través da Billeteira. En primeiro lugar, é necesario estar rexistrado na Billeteira e acceder ao panel interno. Dende alí, no menú lateral esquerdo haberá que seleccionar a opción “Compra de bonos”. A través desta opción, indicarase o número de bonos a retirar e as butacas que quedarán reservadas para os dez espectáculos, que serán sempre as mesmas, tanto para as funcións en Bertamiráns como no Milladoiro. Unha vez realizado o pago, recibirase a entrada de bono vía correo electrónico, que poderá empregarse para asistir aos dez eventos que conforman a programación de adultos.

Entradas xerais
As entradas xerais poderán adquirirse unha vez remate a venda de bonos, a partir do luns 8 de xaneiro, na Billeteira electrónica do Concello ou nas Casas da Cultura de Bertamiráns ou O Milladoiro unha hora antes do comezo dos espectáculos. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego.

Programación cultural para adultos
A programación orientada ao público adulto conta cun total de dez espectáculos. A oferta inclúe tanto danza como teatro de distintos xéneros e temáticas. Entre todos eles destacan a comedia e o drama, con tres espectáculos de cada xénero, así como unha obra de teatro contemporáneo. Dentro da danza, ofértanse dous espectáculos: un contemporáneo e outro de carácter máis tradicional. As funcións, que se representarán entre xaneiro e maio, están distribuídas de maneira equitativa entre os auditorios das Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. Pódese consultar a programación cultural completa premendo nesta ligazón.

Xa están dispoñibles na Billeteira electrónica os bonos culturais da programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2024

Multimedia

  • Xa están dispoñibles na Billeteira electrónica os bonos culturais da programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2024
  • Xa están dispoñibles na Billeteira electrónica os bonos culturais da programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2024