[18-08-2011] O departamento de Educación publicou a lista de admitidos e excluídos no Setembro lúdico do 2011. Todos aqueles que se inscribiran nesta actividade deberán revisar a súa pertenza ou non a esta iniciativa nos taboleiros que se atopan na entrada da Casa consistorial en Bertamiráns ou ben nas oficinas xerais do Milladoiro. No caso de que se producira calquera erro, as persoas inscritas dispoñen de dez días dende a publicación da lista para arranxalos. Neste prazo os excluídos/as poderán presentar as súas reclamacións.
O Setembro Lúdico 2011 é unha iniciativa do Concello de Ames que pretende conciliar a vida laboral e familiar dos pais e das nais amienses e, por outra banda, oferta aos rapaces e rapazas un programa de actividades ameno para pasar o tempo de lecer e de aprendizaxe o mellor posible.
Este ano o programa se desenvolverá durante os días 1, 2, 5, 6, 7, 8 e 9 de setembro no ximnasio e nas aulas do IES de Ames de Bertamiráns e nas instalacións da Escola Infantil do Milladoiro e no pavillón polideportivo desta localidade. O horario que comprende este programa lúdico comezará ás 7.30 da mañá co programa Bos Días onde os cativos e cativas tomarán un almorzo saudable e rematará, como hora límite ás catro da tarde coa finalización do servizo de comedor. Os nenos e nenas que non empreguen o servizo de comedor deberán ser recollidos antes das 14.30 do mediodía. Aqueles que se queden a xantar poderán gozar de bos e saudables alimentos e, posteriormente, de xogo libre.
O servizo ofertado no Setembro Lúdico pode desenvolverse por días soltos ou ben o programa enteiro. O custe do servizo completo, é dicir, de nove a 14.30 h é de 14 euros (2,50 €/día). Incluíndo o comedor, de nove a catro da tarde o prezo é de 52,50 € (8,50 €/día). Para os que acudan ao servizo dos Bos Días e se marchen ás dúas e media o prezo é de 28 € con almorzo (5 €/día) e sen almorzo redúcese a 24.50 € (4,50 €/día). En canto ao servizo que se desenvolve entre as sete da mañá e as catro da tarde, o prezo ascende a 66,50 € con almorzo (11 €/día) ou 63 € sen almorzo (10,50 €/día).
Esta actividade está dirixida aos nenos e nenas amienses escolarizados en segundo ciclo de educación infantil e en educación primaria sempre e cando se atopen empadroados ou ben sexan fillos de persoas que poidan acreditar que teñen os seus postos de traballo no Concello de Ames. Os solicitantes que se atopasen en condicións económicas ou sociais precarias poden beneficiarse dunha concesión de bonificación no pago da actividade. O Concello de Ames aposta firmemente pola aplicación de medidas e iniciativas que favorezan ás familias amienses, para que estas poidan conciliar debidamente a súa situación familiar e laboral, e un claro exemplo diso é o Setembro lúdico.