- Tematica
Dúas columnas AIR-TOOL-WAHS facilitan desde primeiros deste mes o lavado, a reparación e o inchado de rodas aos/as ciclistas de Ames. Están instaladas nos aparcadoiros da Casa da Cultura do Milladoiro e da Telleira en Bertamiráns. A iniciativa, que parte da Concellaría de Mobilidade, foi financiada con fondos municipais e ten como obxectivo facilitar o coidado das bicicletas a todas aquelas persoas que non posúen un lugar propio onde facelo.
Os/as ciclistas de Ames poden xa lavar, inflar as rodas e reparar as súas bicicletas en calquera dos dous puntos AIR-TOOL-WAHS habilitados pola Concellaría de Transporte, Tráfico e Mobilidade do Concello de Ames. Ditas columnas están instaladas en Bertamiráns e no Milladoiro. A iniciativa está tendo moi boa acollida entre os/as ciclistas de Ames.
As columnas AIR-TOOL-WAHS adquiríronse en Bilbao, cidade paradigma en proxectos e actuacións que facilitan a mobilidade. Integran na mesma estrutura un sistema de inflado de rodas, unha estación de autoreparación e un sistema de lavado. Están fixadas a unha base de formigón que se nivela mediante catro ancoraxes de expansión. A estrutura é de aceiro inoxidable, pesa 36 quilos e posúe un sistema de inflado xiratorio antivandálico provisto dunha mangueira unida a unha bomba hidráulica.
Compleméntase cun manómetro a presión e conta cun xogo de 8 ferramentas unidas á columna con cables de aceiro individuais extensibles. O sistema de lavado ofrece a posibilidade de personalizar o tempo de pulverización.
Para a concelleira de Tráfico, Transporte e Mobilidade, Beatriz Martínez, “a posta en funcionamento deste servizo era case unha obriga tendo en conta a grande afección que existe entre a veciñanza do concello polo deporte da bicicleta”.
"Temos clubs importantes, como os Esfola Arrós e o Club Ciclista de Ames que fomentan a práctica deste deporte e organizan xornadas que xa son clásicos no concello de Ames como a Carreira do Pavo ou o Día da Bici. Sabemos ademais que moitos/as dos seus membros non teñen un terreo propio que lles permita lavar e facerlle a posta a punto á bici despois de saír con ela. Para todas estas persoas era moi importante poder contar cun espazo e un servizo como o que ofrecen estas columnas", explica Beatriz Martínez.
Martínez lembra tamén como esta afección ao ciclismo medrou ao remataren o confinamento: "Temos constancia de que varios establecementos do ramo, quedaron sen bicicletas xa cando rematou o período de confinamento".
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Las columnas de Ames para limpiar y reparar bicis ya están operativas"