Pestanas principais

Xa podes inscribirte no curso de poda que organiza a Aula da Natureza

Xoves, 07 de outubro de 2021

A Aula da Natureza programa para os catro vindeiros sábados un curso de poda. O curso, que se desenvolverá na Aula da Natureza os días 9, 23 e 30 de outubro e o 6 de novembro, será impartido por Afonso Touceda Abelleira, produtor de froita e profesional da agricultura e xardinería ecolóxica, As clases combinarán teoría e  práctica de xeito que todos/as asistentes poidan acadar un nivel de coñecementos axeitado para podar con seguridade as súas árbores. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un mail a auladanatureza@concellodeames.gal


A poda é un asunto de suma importancia para que as árbores manteñan un bo estado de saúde. Unha poda inadecuada ou realizada a destempo, pode causar graves danos, chegando mesmo a causarlle a morte á árbore ou a pranta. Esta é a causa pola que é preciso coñecer o momento axeitado para podar cada especie, dado que existen diferencias entre unhas e outras, tanto no xeito de executar a poda como no tempo de facelo.

En xeral, durante a temporada invernal as prantas e árbores reducen o metabolismo á súa mínima expresión para habituarse ás baixas temperaturas e permanecer nun estado de “repouso” até que chegue de novo a primavera, sendo este o momento axeitado para realizar traballos de poda.

Na actualidade, ademais de todas as persoas que desde sempre vivimos no campo, son moitos e moitas as veciñas que veñen vivir ás nosas aldeas e que se enfrontan por primeira vez a facer unha horta ou coidar un xardín. Penso que para que os primeiros adquiran cada vez mellores coñecementos e os segundo comecen a familiarizarse con estes traballos do agro, este curso é moi importante”, manifesta o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens.

As persoas interesadas en asistir a este curso poden inscribirse enviando un mail ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal

cartaz

Multimedia

  • cartaz