Pestanas principais

Xa podes inscribirte no VIII Campus de Fútbol organizado polo Bertamiráns FC

Mércores, 05 de xuño de 2019

O Bertamiráns Fútbol Club organiza este verán a oitava edición do seu Campus de fútbol, que se desenvolverá do 24 ao 28 de xuño. O Campus terá lugar tanto nas instalacións do campo de fútbol como na piscina municipal de Bertamiráns, en horario de 09.00h a 14.30 horas, agás para os cativos e cativas inscritos no servizo de almorzo, que comezarán ás 8.00h, ou no de comedor, que se estenderá ata as 15.45h. Así, durante a última semana de xuño, as rapazas e rapaces participantes alternarán a práctica do fútbol con outras actividades como xogos na piscina, visitas de xogadores e competicións internas. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o folleto informativo e a ficha de inscrición deste campus. O prazo de inscrición remata este venres, 7 de xuño.

Os nenos e nenas de 5 a 14 anos xa poden inscribirse no VIII Campus de Fútbol BFC, que  se realizará entre o 24 e o 28 de xuño no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. O Campus incluirá o desenvolvemento dun traballo específico para porteiros, para o que se habilitarán un total de 10 prazas, e doutro para 120 xogadores de campo divididos por defensas, medios e dianteiros. Asemade, as crianzas participantes estarán divididas en grupos organizados por idades.

Malia isto, todas e todos os participantes traballarán de xeito individual tanto o aspecto táctico como o apartado técnico, coa abordaxe de diversos aspectos do xogo como condución, control, pase, caneos, desmarques, entradas, marcaxes...; a visualización de vídeos e a posta en práctica de todo o aprendido a través da participación en diferentes competicións. Este aspecto formativo combinarase con diversas actividades de lecer como a piscina ou visitas de distintos xogadores.

O Campus desenvolverase en horario de 9.00 a 14.30 horas, aínda que tamén contará con servizo de almorzo a partir das 8.00h, e de comedor ata as 15.45h. Así, o prezo de matrícula é de 90 euros, cun plus de 15 euros para os e as cativas que se anoten no servizo de almorzo e de 40 euros para os que o fagan no de comida. A actividade está organizada polo Bertamiráns FC, e conta co patrocinio do Concello de Ames e a colaboración da Deputación da Coruña e Supermercados Gadis.

Aberto o prazo de inscrición
Os rapaces e rapazas interesados en participar no VIII Campus de Fútbol Bertamiráns FC deberán inscribirse antes do venres 7 de xuño. Para elo deberán entregar cuberto o impreso de inscrición e o xustificante de pagamento na Cafetería Don Budi ou no Campo de Fútbol de Bertamiráns en horario de tarde, ou ben enviar ditos documentos por correo electrónico ao enderezo bertamiransfc@gmail.com. O impreso de inscrición pode descargarse premendo no enlace dispoñible baixo o apartado de descargas desta nova.
O ingreso da cota de inscrición deberá realizarse na conta ES31 2100 4775 2102 0010 8890 (La Caixa), e no xustificante deberá constar o concepto “VIII Campus” seguido do nome do neno/a, e o nome do pai, nai ou titor/a como ordenante do pago. Podese atopar máis información na páxina web do club amesán www.bertamiransfc.com.

Portada VIII Campus Fútbol Bertamiráns FC

Multimedia

  • Cartel VIII Campus Fútbol Bertamiráns FC
  • Información VIII Campus Fútbol Bertamiráns FC