Pestanas principais

Xa podes votar polo/a mellor deportista de Ames 2023, que recibirá o premio do público na XVI Gala do Deporte

Xoves, 04 de abril de 2024

Dende hoxe e ata o vindeiro 17 de abril está aberto o prazo para votar polo/a mellor deportista de Ames do ano 2023, a través dunha enquisa que se pode atopar premendo nesta ligazón. A finalidade desta iniciativa é a participación do público nun dos premios que se entregarán na XVI Gala do Deporte. O evento celebrarase o venres 19 de abril, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Milladoiro, e nel daranse a coñecer tamén os gañadores do resto de galardóns.

Un ano máis, a Concellaría de Deportes está organizando unha nova edición da Gala do Deporte, que se celebrará o vindeiro 19 de abril, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Novamente, a veciñanza amesá será a encargada de decidir o/a gañador/a dun dos premios: o/a mellor deportista de Ames durante o ano 2023. Poderán facelo votando a través desta enquisa.

Candidatos/as
Nesta ocasión, optan ao galardón seis deportistas. Dunha banda, Belén Fernández Millán, xogadora de fútbol sala do FC Meigas, que foi internacional en fútbol 11 coa selección Española nas categorías sub16, sub17 e sub19. Na tempada 2022-2023 foi máxima goleadora da Preferente Autonómica (3ª División Nacional) de fútbol sala con 47 goles en 27 partidos (1,74 goles por partido e 16 goles máis que a segunda clasificada), campioa de Liga Preferente Autonómica (3ª División Nacional) de fútbol sala, gañadora do Play Off de ascenso a 2ª División Nacional, co conseguinte ascenso a dita categoría. Na tempada 2023-2024 (actualmente) é a pivote titular en 2ª División Nacional (FC Meigas) e participou na Copa Xunta. O seu equipo, o FC Meigas, ocupa actualmente postos de clasificación que lle dan dereito a disputar a Copa da Raíña de 2024.

Tamén é candidato ao premio Guillermo Carracedo Robelo, que no ano 2023, acadou os seguintes resultados na modalidade de padle surf: top 5 do mundo individual no mundial ISA, subcampión do mundo coa selección Española no mundial ISA, campión de Europa coa selección Española, terceiro de Europa individual, campión de España e campión Galego 2023.

A terceira opción é Nuria Rábano Blanco, futbolista profesional que xoga como lateral esquerdo no VfL Wolfsburgo da Bundesliga (máxima categoría alemá) e na Champions League. Tamén foi internacional coa selección nacional absoluta feminina de España. Na tempada 2022-2023 xogou no Fútbol Club Barcelona e na 2023-2024 xoga no VfL Wolfsburgo. No ano 2023, co FC Barcelona acadou a Liga de Campións 2022-23, o título de Primera División 2022-2023 e a Supercopa 2023.

Así mesmo, tamén se pode votar polo atleta Tariku Novales, especialista en probas de fondo e media distancia. En novembro de 2023, no Maratón de Valencia, fixo historia ao bater o récord de España de Maratón, sendo o primeiro deportista do país en baixar das dúas horas e seis minutos, fixando o novo récord en 2 horas 5 minutos e 48 segundos. Os resultados máis destacados do 2023 en probas ao aire libre foron un 12º posto no Campionato do Mundo de Maratón (Budapest), 11º posto no Maratón de Valencia e 11º posto na Media Maratón de Madrid.

A xogadora de baloncesto Blanca Millán Modía é outra das nominadas. Actualmente xoga no Ensino Lugo Club de Baloncesto da Liga Feminina de Baloncesto (LF ENDESA), máxima categoría do baloncesto feminino español. Xoga na posición de escolta e ten unha media nesta tempada 2023-2024 de 23 minutos, 11 puntos, 4 rebotes e 1 asistencia por partido. Na tempada 2022-2023 acadou co seu equipo, Ensino Lugo, a 11ª posición da Liga Regular (LF ENDESA).

Outro dos candidatos é Pablo Hernández Montenegro, xogador de baloncesto, que na tempada 2022-23 xogou na máxima categoría da liga islandesa como parte do Thor Thorl, onde tivo unha media de 13.2 puntos e 6 rebotes. Dende agosto do 2023 xoga nas filas do Club Básquet Coruña da Liga LEB Ouro. Con 2,01 metros de estatura, xoga nas posicións de aleiro e ala-pivote. Nesta tempada 2023-24 ten unha media 7’37”, 1,5 puntos, 1,2 rebotes e 0,3 asistencias por partido, estando o seu equipo primeiro clasificado e con posibilidades de subir a ACB.

O prazo para votar polo/a mellor deportista estará aberto ata o mércores, 17 de abril. O premio do público será entregado na propia gala, como en edicións anteriores, xunto cos demais galardóns.

Xa podes votar polo/a mellor deportista de Ames 2023, que recibirá o premio do público na XVI Gala do Deporte