- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Promoción Económica, organizou o pasado mes de decembro unha edición máis do concurso de escaparates de Nadal, e puxo en marcha, por primeira vez, o certame de decoración de Nadal veciñal. As iniciativas tiñan como obxectivo animar a que a veciñanza colaborase na ornamentación do concello e incentivar as compras nos comercios locais. O xurado, composto por catro persoas (representantes da Oficina municipal de Voluntariado de Ames, da Aula da Natureza, de Protección Civil e da Unión de Consumidores de Galicia), elixiu xa as mellores catro propostas de ambos concursos. En total repartiranse 6.000 euros entre os gañadores. A entrega de premios realizarase o vindeiro luns, día 13 de febreiro, ás 19:30 horas, na Casa do Concello.
Tralo ditame do xurado xa se coñecen os gañadores do XVII concurso de escaparates de Nadal e do I concurso de decoración de Nadal veciñal. Nesta ocasión, foron catro persoas as que decidiron os gañadores, en representación da Oficina municipal de Voluntariado de Ames, da Aula da Natureza, de Protección Civil e da Unión de Consumidores de Galicia.
No certame de escaparates, o primeiro premio, dotado con 1.500 euros, foi para Farmalar (57 puntos). Na segunda posición, galardoada con 1.100 euros, quedou o Centro de Estudos Lexis (54 puntos). O terceiro posto, dotado con 800 euros, levouno a Peluquería Cristina Bravo (53 puntos). Para rematar, o cuarto posto foi para Núa (50 puntos). O xurado utilizou diversos criterios para escoller aos gañadores: orixinalidade e composición, utilización dos produtos propios dos comercios e emprego de elementos reciclados.
No caso do certame de decoración veciñal, os catro premios foron galardoados cun talón de 500 euros para cada un. A gañadora foi Ánxela Jorge Meijide (40 puntos), seguida por Juan Manuel Carballo García (36,5 puntos), Tania Díaz Fernández (36 puntos) e María José Bello Vidal (32,5 puntos).
Nesta ocasión valoráronse a creatividade, a orixinalidade e a utilización da iluminación como foco de atracción; así como o uso de materiais de refugallo. Ademais, as decoracións e adornos amosados debían ser expresamente típicos do Nadal e non causar ningún tipo de prexuízo para as persoas e bens, nin ocupar as vías de circulación.
A entrega de premios aos gañadores realizarase nun acto que terá lugar na Casa do Concello de Bertamiráns o vindeiro luns, día 13 de febreiro.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu a participación de todos os comercios e cidadáns que enviaron as súas propostas para ambos certames, e sinalou que “estamos moi satisfeitos pola gran acollida que a veciñanza mostrou, unha vez máis, co concurso de decoración de escaparates. Este ano, por primeira vez, puxemos tamén en marcha o certame de decoración veciñal, que contou cun alto nivel de creatividade e orixinalidade. Esperamos que as dúas iniciativas sigan medrando en vindeiras edicións, e que máis amesáns se sumen a participar”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Galardoados os mellores escaparates amesáns"
AMS GO!: "Farmalar gaña o certame de escaparates de Nadal de Ames"