- Tematica
O “Delas Fest”, o Primeiro Festival Feminista de Arte Urbana e Contextual desenvolverase do 10 ao 15 de decembro nos concellos de Ames, Santiago e Teo. Durante esas datas, terán lugar dous obradoiros, unha xornada de conversa e debate e varias intervencións murais, unha delas na entrada do Polideportivo do Milladoiro. As prazas para os obradoiros e a xornada de debate son limitadas polo que é necesario a inscrición previa en 7hcoop@7hcoop.gal.
O “Delas Fest” comeza o día 10 con varias intervencións murais nos concellos de Santiago e comarca. Desta maneira, tres das sete artistas que son protagonistas deste Festival estarán realizando intervencións murais en directo. En Ames, estará a versátil e multifacética BTOY (Barcelona, 1977), unha artista contextual que utiliza dende carteis a colaxe e pintura plástica en obras nas que principalmente as protagonistas son mulleres. O lugar elixido para a súa intervención mural é a entrada do Polideportivo do Milladoiro. Mentres tanto, Dúo Amazonas o fará no túnel da estrada de Luou a Solláns no Concello de Teo e Lorena Cosba na Casa do Matadoiro de Santiago.
Os días 11 e 13 de decembro desenvolverase tamén na Casa do Matadoiro un dos dous obradoiros que ten programado o festival. O “Obradoiro de introdución á arte urbana de guerrilla” será impartido por Vegan Bunnies neses dous días, en horario de 17.00 a 20.00 horas. Xa o 14 de decembro desenvolverase o outro obradoiro: “Elas tamén Pintan”. Unha demostración colectiva e colaborativa que será impartida por 7H Cooperativa Cultural e a crew do Elas tamén Pintan. Será nas Galerías Praza do Ensanche (Romero Donallo, nº45 – Santiago) en horario de 9.00 a 15.00 horas.
Xa por último, a xornada de conversa e debate “Onde están as mulleres na arte urbana?” terá lugar o 12 de decembro de 18.00 a 21.30 horas na Casa das Mulleres Xohana Torres de Santiago. Para poder asistir é necesaria á inscrición (ao igual que os obradoiros) enviando un correo electrónico a 7hcoop@7hcoop.gal.
A xornada de debate comezará as 18.00 horas coa presentación da mesma. Seguidamente, comezará a intervención de Lara Seixo, con “Perspectivas desde o comisariado”. Xa as 19.00 horas será o tuno de VeganBunnies, integrante de theHateLovers Crew, con “Miradas a pé de rúa”. E por último pechará a xornada de conversa “Ser muller na arte urbana: retos e obstáculos”, con Dúo Amazonas , BTOY , Lupita Hard, Iria Fafián e Lorena Cosba, moderado por Modera Clara R. Cordeiro de 7H Coop. Cultural.
O festival conta cun comité de xénero
Co fin de garantir a rigorosidade da proposta artística do festival, dos procesos creativos xurdidos no mesmo e dispoñer da asesoría e apoio especializado, o festival conta cunha comisión de xénero integrada por Patricia Porto Paderne, educadora social e responsable da libraría feminista Lila de Lilith; Marián Mariño Costales, Técnica de Igualdade do Consello da Cultura Galega; Xoana Almar, muralista e socia da cooperativa Cestola na Cachola; e Eva Agra, ilustradora feminista, autora de Mulleres Bravas da nosa historia e socia de 7h Cooperativa Cultural. As catro colaboraron na conformación da proposta artística do festival a través da asesoría na selección de participantes, na elección de espazos a intervir e na implicación dos colectivos de cada municipio.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Talleres, debate y murales en el foro feminista Delas Fest"
La Voz de Galicia: "El legado de «Elas tamén pintan» regresa a Santiago, Ames y Teo"