- Tematica
Desde este mércores, 18 de decembro, xa están á venda os bonos culturais da programación municipal de artes escénicas para o primeiro semestre de 2025. Cun custo de 25 euros, este bonos supoñen un desconto do 50% do importe total das entradas das funcións programadas para adultos. A Concellería de Cultura pon a disposición da veciñanza 50 bonos, que poderán adquirirse ata o 7 de xaneiro de 2025, ou ata fin de existencias, na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Dende a Concellaría de Cultura anímase á veciñanza a que regale cultura a través de ditos bonos. Pódese consultar a programación cultural completa premendo nesta ligazón. Ademais, realizáronse melloras nas funcionalidades da Billeteira electrónica co obxectivo seguir impulsando esta aplicación e que vaia máis alá da venda de entradas.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca que “no primeiro semestre de 2025 poderase desfrutar cunha programación de artes escénicas de moita calidade. Dita programación presentouse este pasado luns e consta de trece espectáculos, once deles son para o público adulto. As persoas que así o desexen teñen a oportunidade de mercar os bonos culturais nos que se aplica un desconto do 50% do importe total das entradas das funcións para público adulto”. Ademais, anima á veciñanza “a regalar cultura polo Nadal, a través dos bonos culturais, xa que son un agasallo orixinal para esas datas”.
Como se obteñen?
O proceso de adquisición dos bonos culturais é sinxelo e realízase en poucos minutos a través da Billeteira. En primeiro lugar, é necesario estar rexistrado na Billeteira e acceder ao panel interno. Dende alí, no menú superior haberá que seleccionar a opción “Compra de bonos”. A través desta opción, indicarase o número de bonos a retirar e as butacas que quedarán reservadas para os espectáculos, que serán sempre as mesmas, tanto para as funcións en Bertamiráns como no Milladoiro. Unha vez realizado o pago, recibirase a entrada de bono vía correo electrónico, que poderá empregarse para asistir aos eventos que conforman a programación de adultos.
Entradas xerais
As entradas xerais poderán adquirirse unha vez remate a venda de bonos, a partir do luns 8 de xaneiro, na Billeteira electrónica do Concello ou nas Casas da Cultura de Bertamiráns ou O Milladoiro unha hora antes do comezo dos espectáculos (no caso de que haxa entradas dispoñibles). Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos e a persoas menores de 12 anos, familias numerosas, mozos e mozas co carné xove e persoas demandantes de emprego (no control de accesos do auditorio poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).
Programación cultural para adultos
A programación orientada ao público adulto conta cun total de once espectáculos. A oferta inclúe tanto danza e clown como teatro de distintos xéneros e temáticas. Entre todos eles destacan o teatro contemporáneo, a comedia e o drama. Haberá tres pezas de teatro contemporáneo, cinco representacións de comedia e unha de drama. Dentro da danza, ofértanse dous espectáculos: un de danza e clown e outro de danza contemporánea. As funcións, que se representarán entre o 14 de xaneiro e o 16 de maio, están distribuídas de maneira equitativa entre os auditorios das Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns.
A obra de Marta Alonso, Dancing Join, que se vai representar no anfiteatro do Milladoiro, se por razóns meteorolóxicas se ten facer no auditorio do Milladoiro, terán preferencias as persoas que conten co bono cultural.
Melloras na Billeteira electrónica
A billeteira do Concello de Ames é unha das aplicacións informáticas máis utilizadas pola veciñanza de Ames. Ademais de ser unha canle dixital para a adquisición de entradas para os eventos culturais serve como canle de comunicación e recepción de información sobre os diferentes ciclos, actividades e eventos culturais que realiza o Concello de Ames. Máis de 4.000 persoas están rexistradas e reciben habitualmente información segmentada (actividades para familias, teatro, cinema, maxia, eventos para adultos, etc.) sobre todas as novidades culturais creando unha comunidade e unha dinámica cultural propia.
Co obxectivo seguir impulsando este modelo propio que vaia máis alá da venda de entradas, o Concello de Ames apostou por incorporar novas funcionalidades como son:
-Unha nova intranet para os cidadáns rexistrados que lles permita descargar en calquera momento as entradas adquiridas ademais de recibilas en notificacións.
-Configurar as súas preferencias na recepción de información no eido cultural para estar informados daqueles eventos a actividades do seu interese.
-Un sistema de bonos e sistema de abonados que facilite plantexar outros modelos de participación en ciclos culturais e eventos que agrupan diferentes función coa adquisición dunha única entrada.
-Coñecemento en tempo real da taxa de ocupación para cada eventos e función sen ter que entrar no mapa de butacas.
-Modificación do portal web de carácter público permitindo buscas dos eventos máis sinxelas e áxiles, así como compartir nas redes sociais a información sobre os espectáculos.
A nova web da Billeteira electrónica tamén actualizou a súa imaxe corporativa cumprindo os criterios de accesibilidade (tipografía de letra máis grande, contraste nos textos, acceso a elementos de menú mediante teclado, etc.) co obxectivo de facilitar a navegación para persoas con dificultades visuais. Así mesmo, adaptouse a plataforma para facilitar a consulta desde diferentes dispositivos como Pc’s, tablets ou móbiles e navegadores.
A nova billeteira cultural do Concello de Ames irá incorporando progresivamente outras melloras co obxectivo último de seguir fidelizando a un público que xa ten as actividades do Concello de Ames como referentes sen necesidade de desprazarse a outros lugares para contar cunha oferta cultural ampla, diversa e accesible dende a Internet.