Pestanas principais

XEA e o Concello de Ames organizan a cuarta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames

Venres, 11 de outubro de 2024

A Xuntanza de Empresarios de Ames, en colaboración co Concello de Ames, organiza a cuarta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames, cuxo obxectivo é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames. As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello de Ames. Admítese unha fotografía por cada unha das tres categorías existentes. A participación no concurso é gratuíta. O prazo de entrega das imaxes vai do 11 de outubro ao 10 de novembro de 2024. As fotografías teñen que ser enviadas xunto coa ficha de inscrición por correo electrónico ao enderezo enfocames@gmail.com.

O certame ponse en marcha por cuarto ano consecutivo da man de XEA, coa colaboración do Concello de Ames, a través dos departamentos de Medio Ambiente e Turismo. Neste certame poden participar todas as persoas residentes en España, maiores de 18 anos, con independencia do seu lugar de orixe. As fotografías teñen que ser orixinais e inéditas, presentando unha única fotografía por categoría. A inscrición no concurso é gratuíta.

A presentación do certame realizouse esta mañá no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A dito acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; a técnica municipal do departamento de Turismo, Sonia Moure; a técnica municipal do departamento de Medio Ambiente, Patricia Reboreda; o presidente e a xerente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Ramón Cordido e Beatriz López.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “este certame, que xa chega a súa cuarta edición, naceu co obxectivo de promocionar o concello de Ames. Este ano hai novidades, xa que elimínase a categoría de macro e crease a de patrimonio. Convido a toda a veciñanza e persoas de fóra de Ames a que participen, porque se van entregar tres premios por categoría para gastar no comercio local. Trátase dunha iniciativa que ten moi boa aceptación e que lle permite ao Concello dispor dun banco de imaxes sobre distintos espazos con valor natural, patrimonial e cultural. Ademais, ao remate do concurso farase unha exposición coas fotos que participaron no certame”.

O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, explica que un dos obxectivo do concurso é “fomentar que a xente coñeza o patrimonio natural, artístico e cultural de Ames. Animo a saír coa cámara de fotos ou cun móbil a percorrer Ames porque ten moitos  recunchos fermosos. Se alguén dispón dunha fotografía que non sabe se pode presentala ou non, que se anime a participar porque existe a categoría artística, onde se pode recoller a visión subxectiva de cada un, que é unha percepción íntima do que se está observando. Unha imaxe sempre transmite unha mensaxe e unha inquietude moi persoal, de algo que queres dicir nun momento determinado. Todos temos unha cámara ou un móbil, polo que todos podemos presentarnos a este concurso, porque todos temos unha mensaxe que transmitir”.

Patrimonio natural, artístico e/ou cultural de Ames
As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello de Ames. Admítese unha fotografía por categoría. Neste senso a técnica municipal de Turismo, Sonia Moure, explica que “nesta edición cambiouse a categoría macro pola categoría patrimonio para potenciar que a xente coñeza mellor o concello e realice fotografías de elementos patrimoniais, material (igrexas, pontes, pazos, etc.) e inmaterial, como poden ser festas ou eventos relevantes”. Ademais, explicou que nesta edición “ampliase o prazo de presentación das fotografías”.

Existen tres categorías diferentes: paisaxe, patrimonio e artística. Na categoría paisaxe a fotografía debe mostrar os espazos do mundo que adoitan captar a presenza da natureza, pero tamén poden centrarse en características creadas polo home ou perturbacións das paisaxes. Na categoría patrimonio a fotografía debe recoller o patrimonio material (igrexas, cruceiros, pontes, muíños, etc) ou inmaterial (tradicións ou expresións vivas, verbenas, romarías, etc.) do noso concello. Por último, na categoría artística permítese a posibilidade de editar e manipular a captura orixinal. Esta categoría está relacionada cun aspecto máis subxectivo e surrealista.

Presentación das obras
As obras deberán ser enviadas xunto co impreso de inscrición ao correo electrónico enfocames@gmail.com. A Xuntanza de Empresarios de Ames resérvase o dereito a elaborar unha exposición fotográfica coas composicións que participen. Ademais, as persoas participantes darán o seu consentimento para que as composicións enviadas sexan expostas no Instagram Xuntanza Empresarios Ames e no Facebook Xuntanza de Empresarios de Ames co hashtag #enfocames. O prazo de entrega das imaxes vai do 11 de outubro ao 10 de novembro de 2024.

Premios
As bases recollen a concesión de tres premios en cada unha das tres categorías. O primeiro de 100 euros, o segundo de 50 euros e o terceiro de 25 euros. Os nove premios son cheques para gastar nos comercios asociados á XEA. Ademais, por primeira vez as persoas premiadas recibirán un galardón que tamén foi presentado hoxe. O resultado do concurso será publicado o día 19 de novembro nas páxinas web de XEA e do Concello de Ames. As persoas agraciadas serán notificadas mediante chamada telefónica.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Un concurso para premiar ás fotos que máis representan á Maía"

Imaxe da presentación da cuarta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames

Multimedia

  • Por primeira vez as persoas premiadas recibirán un galardón que tamén foi presentado hoxe
  • Cartaz da cuarta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames