Pestanas principais

“XEA vístese de Entroido” o próximo sábado 22 de febreiro con degustación de pratos típicos, fotomatón, batucada e sorteo de 15 cheques para futuras compras

Luns, 17 de febreiro de 2020

A  Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), organiza con motivo das festas de Entroido un evento para amenizar as compras no comercio local mentres se goza do Entroido, no que os comercios de Ames se disfrazarán cunha temática común. Ademais, habilitaranse dúas carpas na Praza da Maía en horario de 17.00 a 19.00 horas nas que haberá degustación de pratos típicos desta festividade, fotomatón e batucada. Como broche final, o sorteo de 15 cheques por valor de 20 euros.

A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) organiza “XEA vístese de Entroido”. Un evento organizado en colaboración co Concello de Ames co que se pretende desfrutar das festas de Entroido fomentando as compras no comercio local. Así, tanto comercios como dependentes/as de Ames disfrazaranse para amenizar as compras dos amesáns.

Ademais, en horario de 17.00 a 19.00 horas, haberá dúas carpas na Praza da Maía nas que se poderán degustar pratos típicos da festividade, como orellas, filloas ou flores. Tamén haberá un fotomatón onde os asistentes poderán levar a súa propia foto, e un taller de batucada, no que poderán participar incluso con batucada propia que traian da casa.

Xa para poñer o broche final á festividade, a XEA ten previsto sortear nos días seguintes ao evento 15 cheques por valor de 20 euros, cos que se poderán realizar compras nos establecementos pertencentes á asociación.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, recalca que “dende o Concello de Ames sempre apoiamos estas iniciativas que dinamizan o comercio local na rúa e das cales nos sentimos moi satisfeitos”, e engade que “este tipo de accións complementan as actividades que dende esta nova asociación veñen desenvolvendo e esperamos que contribúan a visualizar a tecido comercial do Concello de Ames”.

A XEA segue aumentando o número de establecementos asociados

A Xuntanza de Empresarios de Ames, que naceu a finais do ano pasado, segue sumando socios. Comezou a súa andaina con 25 comerciantes asociados pero, a día de hoxe, xa chegan a 70.

Como herdeira da antiga Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), agora mesmo a XEA segue crecendo en todo o ámbito de Ames, con 60 socios en Bertamiráns e 10 no Milladoiro. Un número que, dende a directiva, esperan que siga aumentando.  

XEA vístese de Entroido

Multimedia

  • XEA vístese de Entroido