Pestanas principais

A XIV Carreira Pedestre Popular Concello de Ames estará incluída dentro do I Circuíto Provincial de Carreiras Populares creado pola Deputación da Coruña

Martes, 21 de maio de 2013

[21-05-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, asistiron esta mañá á presentación do I Circuíto Provincial de Carreiras Populares, onde se incluirán dez probas deportivas organizadas por diferentes concellos da provincia. A presentación, que tivo lugar na sede da Deputación da Coruña, estivo presidida polo presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo. Ademais do Concello de Ames, neste acto estiveron representantes dos municipios organizadores de cada unha das carreiras: Carballo, Cambre, Ribeira, Ares, Mugardos, Ferrol, A Coruña, Santiago e Negreira. Máis de 10.000 persoas participarán neste circuíto provincial de carreiras populares.

Segundo explicou o presidente provincial, acompañado na presentación pola vicepresidenta Mariel Padín, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e a directora técnica da Federación, María Dolores González Fernández, a posta en marcha desta iniciativa comeza a modo de experiencia piloto con dez carreiras. “A nosa idea é continuar con este circuíto en próximos anos, e a nosa idea é tamén abrir unha convocatoria para que calquera carreira que cumpra con todos os requisitos deportivos que esixe a lei poida entrar neste novo premio provincial”, explicou Diego Calvo.

Tamén relatou o motivo polo cal este circuíto comeza con dez probas, xa que como proxecto piloto trata de abarcar a maior parte do territorio da provincia posible. Ademais, todas as probas que compoñen este circuíto contan cunha grande tradición, gran acollida popular e todas elas están incluídas no calendario da Federación de Atletismo, garantindo así que estas competicións cumpren todos os requisitos necesarios.

Diego Calvo asegurou, ademais, que a Deputación da Coruña está facendo unha importante aposta polo deporte da provincia. Un claro exemplo disto é a posta en marcha do Circuíto de Ciclismo BTT, do que xa se disputaron dúas etapas, o paso de La Vuelta a España pola provincia coruñesa e a propia Volta ciclista á provincia, que terá lugar este fin de semana.

Pola súa banda, Isidoro Hornillos, o presidente da Federación de Atletismo, agradeceu a colaboración da Deputación na organización destas carreiras e o apoio que a institución demostrou nos últimos anos ao deporte de base. Hornillos quixo gabar o deporte pedestre, do que salientou as súas funcións “saudables, recreativas, sociais, educativas e competitivas” e o seu amplo abanico de posibilidades. “Pódese realizar só ou en compañía, a calquera idade e sen precisar ningunha instalación”.

O presidente da federación fixo unha presentación do funcionamento do circuíto, no que poderán participar todas aquelas persoas que naceran no ano 2004 (como máximo) ata maiores de 60 anos, xa que haberá diferentes categorías adaptadas a cada idade.

Modelo de puntuación
Os participantes no circuíto deberán, a lo menos, correr en cinco das probas incluídas no programa provincial. Todos os corredores que rematen a carreira recibirán un punto e os primeiros 50 clasificados recibirán unha puntuación extra na que o primeiro terá 50 puntos, o segundo 49 e así, sucesivamente, ata que o que chega no 50ª lugar sume un punto.

As probas incluídas neste primeiro circuíto serán:

  • III Carreira Popular do Concello de Carballo (16 de xuño).
  • CorreSan Nocturna de Santiago (13 de xullo).
  • XII Milla Urbana de Ares (3 de agosto).
  • XIV Maratón Popular Concello de Cambre (14 de agosto).
  • Maratón de San Xoán de Piñeiro de Mugardos (7 de setembro).
  • A Carreira Nocturna Concello de Ferrol (14 de setembro).
  • XVI Carreira Popular Santa Uxía de Ribeira (29 de setembro).
  • VII Carreira Popular A Coruña10 (6 de outubro).
  • XIV Carreira Pedestre do Concello de Ames.
  • XXXIV Carreira Popular de Negreira.