[18-10-2013] Este domingo, 20 de outubro, celebrarase a XIV Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames. O número de inscritos/as segue medrando ano a ano e nesta edición hai preto de 1.200 persoas inscritas. Concretamente, son 1.169 os nenos/as e adultos que realizaron a inscrición coa intención de participar nesta proba deportiva. Trátase dunha cifra récord xa que se superaron as 1.143 inscricións da edición de 2012. Un total de 767 nenos e nenas están inscritos na carreira escolar, mentres que na proba absoluta hai inscritas 402 persoas. A saída da proba estará instalada na rúa Entrerríos e a meta será no paseo fluvial de Bertamiráns. Os adultos terán que percorrer unha distancia de 7.900 metros, mentres a distancia da carreira dos nenos/as variará segundo a categoría e a idade dos participantes.
Dispositivo de seguridade
A Policía local establecerá un dispositivo de seguridade durante a mañá do domingo. Entre as 10:00 h e as 13:00 horas realizaranse cortes puntuais de tráfico nas rúas Entrerríos, Agrelo, Alcalde Lorenzo e nun tramo da rúa Pesqueiras, que se atopan no centro urbano de Bertamiráns. Tamén se realizarán cortes puntuais de tráfico nas rúas próximas á urbanización Agro do Muíño e ao lugar de Sisalde. Ademais, encargaranse de regular o tráfico durante a carreira pedestre para que os corredores poidan completar o percorrido sen ningún tipo de problema. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo na Delegación de Santiago de Compostela.
Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e tamén os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Os premios non serán acumulativos. A entrega de trofeos farase ao rematar a carreira no paseo fluvial de Bertamiráns. Aos atletas que obteñan algún premio poderáselles solicitar que acrediten a súa idade coa presentación do DNI ou pasaporte. Cómpre salientar que todo corredor ou corredora que chegue á meta sen o seu dorsal ou non o leve colocado de xeito correcto na zona do peito, será automaticamente descualificado. Haberá servizo de duchas no pavillón polideportivo de Bertamiráns e ao final das probas realizarase un sorteo de varios agasallos.
Iniciativa solidaria
A décimo cuarta edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames tamén terá un compoñente solidario. Nesta proba participará un rapaz con problemas físicos, que se chama Samuel, xunto co seu pai. A familia deste rapaz está levando a cabo unha campaña para recoller tapóns de plástico co obxectivo de sufragar o tratamento que precisa este rapaz. O Concello de Ames porá varias caixas para que todos os deportistas que participen nesta carreira poidan depositar os tapóns das botellas de avituallamento.
I Circuíto de Carreiras Populares
Desde este ano, a Carreira Pedestre de Ames forma parte do I Circuíto Provincial de Carreiras Populares posto en marcha pola Deputación da Coruña, onde se inclúen outras novas probas deportivas organizadas por diferentes concellos da provincia.
Neste circuíto poderán participar todas aquelas persoas que naceran no ano 2004 (como máximo) ata maiores de 60 anos, xa que haberá diferentes categorías adaptadas a cada idade. Os participantes no circuíto deberán, a lo menos, correr en cinco das probas incluídas no programa provincial. Todos os corredores que rematen a carreira recibirán un punto e os primeiros 50 clasificados recibirán unha puntuación extra na que o primeiro terá 50 puntos, o segundo 49 e así, sucesivamente, ata que o que chega no 50ª lugar sume un punto.
Este domingo, 20 de outubro, a localidade de Bertamiráns acollerá a XIV Carreira Pedestre Popular Concello de Ames. Os corredores tomarán a saída ás 11:00 horas da mañá dende o contorno do paseo fluvial de Bertamiráns. Para poder participar, as persoas inscritas deberán recoller o seu dorsal ata media hora antes de que comece a proba na que participan. Os dorsais estarán depositados na secretaría da organización situada no paseo fluvial de Bertamiráns. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.
Segundo declarou a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, “a XIV Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames alcanzou este ano o seu récord de participación con 1.169 persoas inscritas. Na categoría de pitufos hai 118 inscritos/as; en prebenxamíns 199; en benxamíns 140; en alevíns 149 e na carreira de infantís e cadetes inscribíronse 161 rapaces e rapazas. Ademais, a carreira absoluta conta con 402 participantes”.
O percorrido e a distancia da carreira varían segundo a categoría e a idade dos participantes. A carreira absoluta terá unha distancia de 7.900 metros. A saída realizarase dende a rúa Entrerríos, que se atopa próxima ao paseo fluvial de Bertamiráns. Trala saída os participantes terán que seguir pola rúa do Alcalde Lorenzo, cruzarán a ponte da Condomiña e despois collerán a man dereita cara a depuradora de Sisalde. A continuación, seguirán por unha pista forestal, ao carón do río Sar, que pasa por diante do muíño de Sisalde e chegarán ata a propia aldea de Sisalde. Dende aí irán cara a urbanización Agro do Muíño e volverán polo camiño de ida ata chegar ao paseo fluvial de Bertamiráns, onde estará instalada a meta.
A traxectoria máis longa ten 7.900 metros e será a que sigan os corredores das categorías xuvenil-júnior, promesa-sénior e veteranos 1, 2, 3 e 4. Os participantes das categorías infantil e cadete terán que correr nun circuíto de 2.400 metros, os alevíns de 1.200 metros, os benxamíns e prebenxamíns seguirán unha ruta de 500 metros, e os nenos e nenas encadrados na categoría pitufos só terán que correr 250 metros. As 12:00 h tomarán a saída os nenos/as da categoría pitufo; ás 12:05 h desenvolverase a carreira de prebenxamíns; ás 12:10 h correrán os benxamíns; os alevíns farano ás 12:20 horas; e ás 12:35 h realizarase a última carreira correspondente ás categorías infantil e cadete.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La carrera pedestre de Ames bate récords con 1.169 inscritos"