- Tematica
A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o pasado sábado, 29 de febreiro, a décimo cuarta Gala do Deporte do Concello de Ames. O evento homenaxeou ás máis destacadas e destacados deportistas do concello e entidades deportivas. A gala foi presentada polos xornalistas Lorena Pose e Diego Viaño e contou con diversas actuacións. Neste evento colaboraban a Deputación da Coruña, a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro. Podes ver máis imaxes sobre o evento premendo aquí.
O Concello de Ames celebrou o pasado sábado, 29 de febreiro, a súa décimo cuarta Gala do Deporte no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Lorena Pose e Diego Viaño foron os encargados de presentar esta gala na que, a través de nove categorías, resultaron premiados diversas figuras e entidades destacables do deporte amesán. Ademais contou con diversas actuacións, como ás das Escolas deportivas municipais, un especialista en acrobacias con aro e breakdance, da man de integrantes da Vella Escola.
As categorías foron nove: mellor deportista masculino, mellor deportista feminina, deportista ou equipo máis destacado dun club, promesa masculina, promesa feminina, mellor club, recoñecemento especial, premio especial do público e premio Colaborames.
Premio á mellor deportista feminina e masculino
As candidatas a recibir o premio á mellor deportista feminina de Ames eran Paula Blanco Prol e Nuria Rábano Blanco, resultando gañadora esta última. Nuria foi subcampioa no Mundial sub20 con España e actualmente é xogadora do RC Deportivo da Coruña que compite en primeira división. O premio, entregado polo alcalde de Ames, José Miñones, foi recollido por seu pai debido a que Nuria tiña partido ao día seguinte co seu equipo.
En canto aos candidatos a mellor deportista masculino de Ames, estaban nomeados o xogador de baloncesto Pablo Hernández Montenegro, Carlos Cornes Ribadas, de squash, e Guillermo Carracedo, practicante de padle surf. O premio, entregado por Iván Sanmartín, Vicepresidente territorial da Federación Galega de Atletismo, foi parar a Guillermo Carracedo, que o pasado ano foi campión de España, subcampión do Mundo coa Selección Española, quedou no top 5 no ranking mundial individual e foi subcampión de Europa.
Premio ao mellor deportista/equipo dun club de Ames
No tocante ao mellor deportista/equipo dun club de Ames optaban ao premio o equipo sénior feminino do CV Bruxas (1ª división autonómica/ 2ª división nacional), Mateo Aller García (atletismo Millaraio/sub16), e o primeiro equipo do F.C. Meigas. Resulta galardoado co premio o equipo sénior feminino do CV Bruxas, campión galego da primeira división sénior autonómica na final do campionato disputada en Bertamiráns e ascenso á 1ª División Nacional Feminina, terceiro clasificado na Copa Galicia 2019-2020 disputada entre os equipos de maior categoría de Galicia incluído Superliga.
O premio, recollido por unha das capitás do equipo, foi entregado por Gabriel Martínez, piragüista do club Ribeiras do Tambre e gañador deste premio o ano pasado.
Mellor promesa feminina e masculino de Ames
Na categoría de mellor promesa feminina de Ames, a única candidata a este premios foi a xogadora de fútbol sala do F.C. Meigas, Teresa Pereiro Lorenzo, que ten 17 anos. Co F.C. Meigas foi campioa de Liga Primeira Galicia e máxima goleadora do campionato. Foi convocada coa selección Española feminina de fútbol sala sub19 debutando e sumando 2 internacionalidades, sendo a primeira xogadora dun equipo do Concello de Ames convocada coa selección Española feminina de fútbol sala sub19. Tamén foi seleccionada cola selección Galega feminina de fútbol sala sub19, participando no Campionato de España sub19 coa selección Galega feminina de fútbol sala sub19. Tamén é deportista de Alto Rendemento pola Real Federación Española de Fútbol.
O encargado de outorgarlle o galardón a Teresa, foi Blas García, deputado provincial de Promoción Económica. Ao recibir o premio, Teresa pediu se as súas compañeiras podían subir ao escenario e compartiu o emocionante momento con elas.
En canto á mellor promesa masculina de Ames, os candidatos foron o xogador de fútbol, Hugo Novoa, Saúl Berdullas Calviño (tenis/14 anos) e Alejandro Jiménez Rivas (atletismo Millaraio sub14). Finalmente, alzouse co premio Hugo Novoa, xogador do RasenBallsport Leipzig U17, internacional con España sub 17 e debut na Youth League con soamente 16 anos. O premio, que non puido ser recollido por el mesmo porque se encontra en Alemania, foi entregado a seu pai da man de Arón Astray, promesa do squash e gañador do premio o ano pasado.
Premio ao mellor club de Ames
Na Gala tamén se desvelou cal foi o mellor club de Ames durante o 2019: o FC Meigas. Campión de primeira Galicia, bateu o récord de mais goles marcados e menos encaixados por partido, e o primeiro equipo de Ames en gañar o campionato Primeira Galicia Feminino de Fútbol Sala coa media de idade máis nova da categoría, 16 anos e medio. Conseguiu o ascenso á Liga Preferente Galicia, á terceira división nacional. Na entidade contan cunha xogadora convocada coa selección española sub19 e con varias xogadoras que foron convocadas polas seleccións galegas nas distintas categorías. O premio foi entregado polo Presidente do Club Voleibol Bruxas, galardoado o ano pasado.
Premio de recoñecemento especial e premio Colaborames
O premio de recoñecemento especial deste ano, que foi entregado pola madriña Esther Pedrosa, recaeu en Iván Sanmartin Carreira, vicepresidente territorial da Federación Galega de Atletismo.
En canto ao premio Colaborames, entregado pola concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, foi parar a Ternera Gallega, Indicación Xeográfica Protexida, e que leva colaborando máis de 25 anos cun dos clubs do Concello.
Premio especial do público
A veciñanza amesá foi a encargada, durante os pasados días, de votar polo/a mellor deportista amesá do 2019. Os/as candidatos/as eran Guillermo Carracedo (padle surf), Borja Golán (xogador de squash), Nuria Rábano (xogadora de fútbol), Blanca Millán (xogadora de baloncesto) e Gabriel Martinez (piragüismo). O galardón, entregado pola concelleira de Deportes, Susana Señorís, recaeu finalmente en Nuria Rábano, levándose dous premios para casa. Como ela non se encontraba na Gala, desta vez foi súa irmá a encargada de recoller o premio.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, salienta que esta gala “é un recoñecemento para todas e todos os deportistas que levan o nome de Ames polo mundo nas distintas disciplinas que practican, destacar e agradecer a labor dos adestradores, xa que non só ensinan técnicas dun deporte, valores como a amizade, compañeirismo, respecto... están no día a día dos seus adestramentos. É unha maneira de premialos a todos eles”. Ademais, a concelleira remata agradecendo a todas as persoas que fixeron posible que a Gala fose un éxito un ano máis.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames premia a los deportistas y a las entidades más destacadas"
El Correo Gallego: "Rábano e Carracedo, os mellores na Gala de Ames"