Pestanas principais

Xornada de carreiras e karting no Trouleando de marzo

Luns, 14 de marzo de 2022

A Concellaría de Mocidade comparte a terceira proposta de 2022 do programa Trouleando, unha mañá no kartódromo de Valga. Será o sábado 26 de marzo, con servizo de autobús dende o Milladoiro e Bertamiráns. Para participar, cómpre enviar esta ficha de inscrición cumprimentada ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal, entre este mércores 16 e o sábado 19. As prazas asignaranse por orde de chegada e están abertas á mocidade a partir dos 12 anos (nada no 2009).

O kartódromo de Valga acolle a terceira edición deste ano do Trouleando, cunha proposta que promete velocidade, diversión e adrenalina. O circuíto, con 35.000 metros cadrados de extensión e un trazado de 850 metros, conta cunha flota de trinta karts cos que gozar dunha das disciplinas por excelencia do automobilismo.

O karting é a modalidade na que a meirande parte de pilotos de competición comeza a súa formación, debido á súa adaptación a diferentes idades e tamaños, á súa sinxeleza e unha maior accesibilidade a nivel económico.

Con anterioridade á visita, facilitaranse ás persoas participantes as normas de seguridade do circuíto, consellos de vestimenta e calzado, así como instrucións para cronometrarse. Ademais, organizaranse as quendas de participación na pista en función dos diferentes perfís da mocidade, para os que se terá en conta a idade, a experiencia, a corpulencia ou a estatura para que empreguen karts infantís ou de adultos.

Poderá participar nesta mañá de carreiras a mocidade empadroada no concello de Ames a partir dos 12 anos (persoas nadas no 2009). A proposta contará con servizo de autobús dende os dous núcleos urbanos principais do concello para desprazarse ata Valga. O transporte sairá do Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:15 horas e volverá ás 14:45 horas. Pola súa banda, os horarios de ida e volta dende a Casa da Cultura do Milladoiro serán as 9:30 e as 14:30 horas.

Será preciso contar cun mínimo de 15 mozas e mozos para desenvolver a proposta. En caso contrario, o Concello de Ames poderá anular a actividade.

Para calquera dúbida, pódese contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil, a OMIX, no correo electrónico omix@concellodeames.gal.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Furor polo motor: esgótanse as prazas para pilotar karts con Trouleando"

Xornada de carreiras e karting no Trouleando de marzo

Multimedia

  • Xornada de carreiras e karting no Trouleando de marzo