- Tematica
O Concello de Ames acolleu neste venres, 7 de marzo, a quinta edición do InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas de Ames que se celebrou no pavillón polideportivo do Milladoiro e na que estiveron presentes diferentes empresas do noso concello referentes nos ámbitos da innovación ou da tecnoloxía. Desta volta, unha das principais temáticas que se trataron foi a sostibilidade no mundo empresarial na actualidade e as posibilidades e capacidades da innovación local. Nesta edición participaron máis de vinte empresas amesás, coworkers do centro coworking A Proa, representantes das Universidades de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo, e alumnado dos centros educativos de Ames.
A quinta edición da Xornada de Innovación do Concello de Ames, “InnovAmes”, deu comezo arredor das 10.00 da mañá nunha mesa inaugural presentada pola xornalista Loly Gómez. Neste acto de apertura participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto; e o delegado da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a Transferencia do Coñecemento, Luis Otero.
Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou a novidade da colaboración deste ano coa Fundación Down Compostela, “quixemos que viñeran 3 membros da fundación a realizar unha formación práctica durante o InnovAmes cun stand propio para eles e que, ademais, desta vez, son veciños de Ames”. Deste xeito, tamén participaron neste acto inaugural os tres membros da fundación que tiveron a oportunidade de complementar a súa formación práctica na xornada de hoxe.
De seguido, a concelleira de Educación, Carmen Porto, destacou e agradeceu a participación dos centros educativos neste evento un ano máis pois “xéranse sinerxias entre empresas e os alumnos, creando un espazo para a aprendizaxe e diálogo e de aquí saen cousas moi bonitas. Estas empresas comparten as súas experiencias, os seus avances en innovación e tecnoloxía, no que a mocidade pode ver oportunidades de cara o futuro”.
Na mesma liña, o delegado da USC para a Transferencia do Coñecemento, Luis Otero, remarcou a importancia de eventos coma este, “é moi importante empezar desde idades temperás a tratar de definir esa cultura innovadora, xa que ao final iso terá unha repercusión de cara as empresas do futuro”.
O último en intervir e pechar esta mesa inaugural foi o alcalde de Ames, Blas García, adiantou que “a idea é que para a vindeira edición do InnovAmes participen empresas doutros concellos da contorna, pois é fundamental o traballo en rede para medrar no ámbito da investigación e innovación”. Ademais, subliñou que “non debemos delegar só no Goberno do Estado ou Autonómico o tema da innovación. Todos desde o noso espazo e posibilidades debemos colaborar nun ámbito tan importante para toda a sociedade”.
Xornada de innovación
O obxectivo de InnovAmes é achegar a toda a cidadanía as últimas tendencias no mundo da innovación, tecnoloxía ou o audiovisual da man das empresas do concello de Ames, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparten coñecementos e sinerxías para lugar a proxectos innovadores. Ao longo de toda a xornada houbo diferentes charlas, mesas de debate, obradoiros, presentación de proxectos innovadores e ofreceuse información nos stands permanentes por parte das empresas, universidades e centros de ensino participantes.
Deste xeito, tivo lugar a charla temática “A xestión da sostibilidade do empresarial”, onde se debateu sobre o equilibrio entre os modelos actuais de produción, consumo e educación ante a situación crise climática, o esgotamento de recursos e as desigualdades sociais que se está a vivir neste momento. Por outra banda, tamén se realizou unha mesa de debate na que o eixo central foron as oportunidades e retos para a innovación dentro das empresas de ámbito local.
Este ano o InnovAmes contou coa presenza de máis de 20 empresas: Sistemius, Karbonius, Silvereira, Encesu, Placein, We Robot, Ficcion Produciones, Clun, Nanogap, Emotional Light, Codery, Impulsa Dixital, CartoGalicia, Bahía Software, Nortigalia, Biostatech, Brios.tech, Ojoalvatio, Iluminaciones Santiaguesas, Conic Vascular, Sinerxia e o Centro de Formación do Concello de Ames. Ademais, a Cadena Ser volveu a realizar para realizar un programa en directo nesta xornada de innovación.
Por outra banda, o espazo de Coworking A proa tamén estivo representado neste InnovAmes coa participación de: Laura Iglesias (da empresa Livvdans), Paz González e Marisa Dequidt (empresa Avelaiñas), Marcos Estévez (empresa Amonte), Fátima Juncal (Recursos Humanos) e José Dieguez (Mundo Conexión). Ademais, tamén participaron as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, os centros educativos amesáns de Agro do Muíño e Barouta e alumnado do IES do Milladoiro.
Ao longo de toda a mañá desenvolvéronse diferentes obradoiros nos que puido participar o alumnado asistente á xornada, coma un obradoiro de robótica educativa, outro de realidade virtual, creación de ecosistemas ou un para a creación de bombas de sementes. O InnovAmes deste ano pechouse ao mediodía cunha actuación musical por parte de João Paiva.
Premios educativos InnovAmes
Nesta terceira edición do premio InnovAmes para proxectos educativos, participou alumnado do CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muíño, con dous proxectos, e alumnos e alumnas do IES do Milladoiro.
Por terceiro ano consecutivo, o CEIP de Barouta volveu a conseguir o primeiro premio de 1.500 euros. Desta volta coa presentación do proxecto Petiscapp, unha aplicación relacionada coa alimentación saudable. O segundo premio, cunha contía económica de 1.250 euros foi para o IES do Milladoiro co proxecto Xogando coa probabilidade e a Estatística. O terceiro posto, foi para o alumnado de 5º curso do CEIP Agro do Muíño con O Mundo Submarino, que recibiu unha contía de 1.000 euros. O cuarto premio, de 750 euros, foi para o alumnado de 6º de primaria de Agro do Muíño con Aprendemos Xeometría coa Impresora 3D.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La jornada InnovAmes propone abrirse a municipios del entorno"
El Correo Gallego: "InnovAmes abrirase para que participen máis concellos en futuras convocatorias"