[28-02-2018] A Aula de Informática do Milladoiro ten programado para os días 12, 14, 19 e 21 de marzo o desenvolvemento dunhas xornadas de iniciación á internet para maiores de 18 anos. As xornadas, que son gratuítas, realizaranse en dúas quendas a escoller en función da dispoñibilidade das persoas usuarias: das 10:00h ás 11:30h e das 18:00h ás 19:30 horas. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata que se cubran a totalidade das prazas. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás atopar a solicitude de inscrición das xornadas.
As xornadas de iniciación á internet organizadas pola Aula de Informática do Milladoiro estarán centradas en aprender algunhas das actividades básicas ligadas á rede como ler a prensa, pedir cita no médico, facer unha compra, ver a televisión, empregar os buscadores ou a aplicación Google Maps. Así mesmo, ao longo das xornadas daranse consellos a ter en conta cando se fan compras en liña e ofreceranse técnicas para saber comparar a información que podemos atopar do mesmos obxectos en distintas web. A duración completa desta formación será de seis horas.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata que se cubran todas as prazas. Para inscribirse, as persoas interesadas poderán achegarse ata a Aula de Informática da Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a xoves, en horario de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 09:30h a 13:30 horas. Do mesmo xeito, tamén é posible inscribirse a través do enderezo de correo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, enviando cuberta e asinada a solicitude de inscrición. As prazas cubriranse por rigorosa orde de presentación de solicitudes, tendo preferencia as persoas que non teñan participado nas mesmas actividades en trimestres anteriores. Para participar, é preciso estar empadroada ou empadroado no Concello de Ames.
Aula Aberta
A aula de Informática do Milladoiro mantén un servizo de Aula Aberta para que todas aquelas persoas que o desexen poidan facer tarefas particulares tais como consultar o correo electrónico, facer traballos persoais, ler o xornal, pedir unha cita médica ou buscar información. O horario de acceso da Aula Aberta é de 16:00h a 20:00 horas, de luns a xoves. Os venres, o servizo préstase de mañá, entre as 09:30h e as 13:00 horas. Para poder beneficiarse deste servizo é preciso estar empadroada ou empadroado no Concello de Ames.