Pestanas principais

A Xunta de Galicia asumirá o desvío de tráfico da N-550, ao seu paso polo Milladoiro, a través da autoestrada AG-56 e do corredor AC-522

Mércores, 27 de xuño de 2018

[27-06-2018] O alcalde de Ames, xunto a un dos representantes da Plataforma veciñal da N550, un dos concelleiros do PP de Ames, e o voceiro de Ames Novo, foron recibidos onte pola tarde polo delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, na Delegación Territorial da Coruña. A xuntanza foi acordada a pasada semana, despois da carta enviada ao Concello pola Conselleira de Infraestruturas, na que delegaba por cuestións de axenda, no delegado territorial a recepción dos representantes de Ames. Neste encontro trasladouse a vontade da Xunta de colaborar en todas as medidas que decidan adoptar Ministerio de Fomento e Concello. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda xa lle transmitiu ao Ministerio o pasado 28 de maio, que está disposta a asumir a repercusión que sobre a rede autonómica teñan as demandas da Plataforma.

O Concello envioulle o pasado 8 de marzo unha solicitude de xuntanza á Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, para conseguir expoñer a problemática da N-550 ao seu paso polo Milladoiro. No día de onte tivo lugar esa xuntanza á que acudiron un dos representantes da Plataforma, o alcalde de Ames, un dos concelleiros do PP de Ames e mailo voceiro do grupo municipal Ames Novo. Por parte da Xunta de Galicia participaron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o xefe do servizo de infraestruturas da Coruña, Felipe de la Vega. Plantexouse a problemática do Milladoiro e os acordos acadados pola representación da Corporación e o Ministerio de Fomento na xuntanza mantida en Madrid no pasado mes de marzo.

En dita xuntanza falouse do desvío dos vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas dende a SC-20 cara a autoestrada AG-56 e ao corredor AC-522 ata a glorieta das Galanas, situada na N-550. Esta medida permitiría desviar o tránsito de 3.000 vehículos pesados de máis de 30 toneladas que pasan diariamente pola avenida Rosalía de Castro do Milladoiro. Ademais, permitiría comezar a humanizar un pouco máis esta localidade amesá.

O rexedor municipal, José Miñones, dixo que “segundo informaron onte dende a Xunta de Galicia para levar a cabo este desvío non sería necesario asinar ningún convenio co Ministerio, tal e como se anunciara anteriormente en Madrid, o que facilitaría a posta en marcha desta medida. Sobre a necesidade de adaptación dunha rotonda nas Galanas, para o paso do tráfico pesado, informouse que esta actuación debe ser realizada polo Ministerio de Fomento e polo tanto deberase tratar agora co novo Goberno do Estado, para o cal o Concello ten xa realizado un contacto inicial. Agradecémoslle á Xunta de Galicia o compromiso acadado e esperamos que agora o Ministerio de Fomento estea á altura das necesidades que ten O Milladoiro”.

Os representantes do Concello e da Plataforma asistentes á xuntanza amosaron a súa satisfacción por este novo logro que permite desbloquear outro dos factores que impedían o desvío de tráfico pola autoestrada AG-56. Desde a Plataforma veciñal N550 cualifican “de moi exitosa a reunión mantida no día de onte e mailo apoio amosado pola Xunta de Galicia ante as demandas da veciñanza do Milladoiro. Tamén poñemos de relevo que coa mobilización e os veciños na rúa conséguense solucións, seguiremos mobilizándonos ata que o Ministerio de Fomento realice as actuacións necesarias e transfira a titularidade ao Concello da N550 e podamos gozar da avenida de Rosalía de Castro como o eixo integrador central do Milladoiro. Esta é unha pequena vitoria dos veciños do Milladoiro”.

Desvío do tráfico pesado cara a autoestrada AG-56
Neste senso, Ovidio Rodeiro trasladoulles a vontade da Xunta de Galicia de colaborar en todas as medidas que decidan adoptar Concello e Ministerio de Fomento para aliviar o tráfico de 30.000 coches diarios que atravesan a avenida de Rosalía de Castro. Ademais, Ovidio Rodeiro recalcou que a Conselleira de Infraestrutura e Vivenda, Ethel Vázquez, xa lle trasladou ao Ministerio de Fomento, o pasado 28 de maio, a súa disposición para facerse cargo do desvío do tráfico pesado cara a autoestrada AG-56 (Santiago-Brión) e que tamén estaría disposta a Xunta a asumir o incremento do custo polo pago da peaxe en sombra, que só en tráfico pesado supón uns 3.000 camións diarios. Así mesmo, comprometeuse a darlle traslado da proposta municipal e veciñal ao Ministerio de Fomento a través do departamento que dirixe, Ethel Vázquez.

“A nosa posición foi ben clara dende o primeiro momento, colaborar en todo aquilo que dependa do goberno autonómico pero sendo conscientes tamén que, neste caso concreto, a Xunta de Galicia non ten competencias en materia de estradas para intervir na N-550 no seu paso polo Milladoiro. É unha competencia exclusiva do Ministerio de Fomento”, apuntou o representante da administración autonómica. Ovidio Rodeiro insistiu en que “o compromiso da Xunta de Galicia con este problema é total e estamos dispostos a trasladar as demandas do Concello e da Plataforma ao Ministerio de Fomento”. Nesta liña apuntou que “entre peticións analizadas no encontro destacaron a restrición do tráfico pesado na avenida de Rosalía de Castro, a construción dunha glorieta a dous niveis na entrada de Milladoiro desde Santiago e a construción da variante do Milladoiro”.


Contido relacionado


Lindeiros: "A Xunta disposta a asumir o custo do desvío de tráfico pesado do Milladoiro"
Compostela 24 horas: "Milladoiro a un paso de resolver os seus problemas ca N-550"
La Voz de Galicia: "La Xunta, dispuesta a pagar el coste del desvío del tráfico de Milladoiro"
El Correo Gallego: "La Xunta asumirá el coste de desviar los camiones de Milladoiro por la autovía"
El Correo Gallego: "Contacto amesán con Fomento para adaptar As Galanas ao tráfico pesado"