Pestanas principais

Xunta de Galicia, Monbus e Concello de Ames acordan facer achegas para reformular a liña de bus de interese municipal

Mércores, 02 de abril de 2025

Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Mobilidade, Víctor Fernandez, a Directora Xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o presidente de Monbus, Raúl López, mantiveron unha xuntanza na que o rexedor municipal expuxo as queixas achegadas polos usuarios e usuarias da liña de autobús de interese municipal (SIMU) e trasladou as propostas do Concello para mellorar dito servizo implantado no mes de xuño de 2022. En dito encontro fíxose unha posta en común por parte das tres partes para a reformular o convenio e facelo máis eficiente. Insistiuse na necesidade de incluír no percorrido paradas no Hospital Clínico e no Campus Sur, así como en Fraiz e A Moniña, na parroquia de Biduído. A comisión foi solicitada polo número de queixas recibidas da veciñanza.

A Xunta de Galicia e mailo Concello de Ames asinaron no mes de xuño de 2022 un convenio para poñer en marcha un novo servizo de autobús entre as parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído con Santiago de Compostela. Dito servizo tiña o obxectivo de facilitar a mobilidade dos veciños e veciñas destas parroquias, a través do reforzo do transporte interurbano da Xunta e dun servizo de interese municipal. Dito convenio foi aprobado previamente no pleno ordinario de abril de 2022 por unanimidade da Corporación municipal.

A través deste servizo tratouse de dar unha solución ás persoas usuarias da desaparecida liña de transporte urbano P2, pertencente ao Concello de Santiago, e que discorría polas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído. Deste xeito, o trazado da liña de interese municipal funciona en ambos sentidos pola rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, para despois continuar por As Cortes, Ortoño (A Igrexa), Guimaráns, Outeiro, Quistiláns, Framil e Costoia, ata a estación intermodal de Santiago.

Xuntanza para mellorar o servizo da liña de autobús de interese municipal
Debido a que dende o Concello de Ames se ten constancia de numerosas incidencias neste servizo, achegadas polos propios usuarios/as da SIMU, esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Mobilidade, Víctor Fernandez, a Directora Xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o presidente de Monbus, Raúl López, mantiveron unha xuntanza para tratar de solucionar as incidencias e problemas detectados. A comisión foi solicitada polo número de queixas recibidas da veciñanza.

Deste xeito, dende o Concello propúxose a modificación da SIMU reorganizando frecuencias para evitar duplicidades coa liña de autobús de Extramundi. Tamén se solicitou vixilancia para o cumprimento de horarios e de percorridos; establecer as paradas no Hospital Clínico de Santiago de Compostela / Campus Sur da USC; e a variación no percorrido para incluír paradas en Fraíz e A Moniña.

O alcalde, Blas García, agarda que “esta xuntanza sexa un punto de inflexión para que se resolvan as incidencias detectadas na SIMU e se comece a prestar un mellor servizo. É fundamental o cumprimento de horarios e de percorridos para que a veciñanza confíe no servizo e, polo tanto, o utilicen. Hoxe trasladamos a reclamación da veciñanza amesá que solicita que se habilite unha nova parada preto do Hospital Clínico e do Campus Sur da Universidade”.

O rexedor tamén destacou que “é fundamental a ampliación desta liña de transporte para que tamén preste servizo á veciñanza de Fraíz e A Moniña, na parroquia de Biduído, que carecen do servizo de transporte pola desaparición da antiga liña de transporte urbano P2”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames estudiará cambios en la línea de bus de Ortoño para adaptarla a la demanda e incluir más paradas"

El Correo Gallego: "Ames e a Xunta estudan como mellorar a liña de bus de Bertamiráns a Santiago"

AMSGO!: "Xunta, Monbús e Concello acordan darlle unha volta e facer achegas para reformular a liña de bus de interese municipal (SIMU)"

Diario de Compostela: "O Concello de Ames reclama melloras na liña de autobús municipal SIMU"

Xunta de Galicia, Monbus e Concello de Ames acordan facer achegas para reformular a liña de bus de interese municipal (SIMU)