- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras da Senda Peonil de Coira. Este proxecto ten un orzamento de execución por contrata de 142.882,17 euros que se sufraga con cargo aos fondos concedidos pola Deputación provincial da Coruña a través do POS+ 2019.
O alcalde de Ames, Blas García, pon en valor o esforzo realizado polo Goberno municipal á hora de planificar unha serie de obras no rural destinadas á seguridade vial e peonil coa creación destas sendas. Esta obra únese a outros dous proxectos para a creación de sendas peonís de Sisalde a Agro do Muíño e de Outeiro a Costoia.
A través desta actuación preténdese a construción dunha senda peonil, que contará cunha lonxitude de 530 metros e 2 metros de ancho, para mellorar a seguridade viaria entre os lugares de Ventín e Coira. Ademais, preténdese executar un muro de bloques de granito de 120 metros de lonxitude e 2 metros de alto, para contención de terras. Previo á execución do pavimento contémplase a canalización 257 metros de tubería de 315 milímetros de diámetro, a instalación no acceso ás parcelas dun total de 40 metros de caz de formigón con reixa coas súas arquetas asociadas e a colocación de 6 arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais.
Ademais, preténdese a canalización de 55 metros de tubería de 630 milímetros de diámetro (10 destes metros con reforzo de formigón no cruce da estrada) e a execución de 3 arquetas con reixa. Igualmente, previo á execución do pavimento, contémplase a canalización das redes de telefonía, baixa tensión e alumeado, facendo unha transición aérea subterránea. Este proceso implica a desmontaxe e retirada de postes, apertura de zanxa e a canalización de cada unha destas redes, mais a execución de arquetas e instalación de novas luminarias.
Finalmente contémplase a reposición do pavimento afectado pola execución das obras, a colocación de 60 metros de varanda metálica para protección e a adaptación de pozos de rexistro existentes á nova rasante. Este proxecto ten un orzamento de execución por contrata de 142.882,17 euros.
As obras da senda peonil de Coira súmanse aos proxectos para a creación de sendas peonís de Sisalde a Agro do Muíño e de Outeiro a Costoia, incluídas tamén no POS+ 2019.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Adjudicada por 143.000 euros la senda de Coira, en Ames"